Skip to main content
Monterroso

O socialistas de Monterroso piden a reducción do imposto de circulación dos coches híbridos e eléctricos

Por 11 Xaneiro, 2023Sin comentarios

Os socialistas de Monterroso impulsan unha iniciativa para reducir o imposto de circulación dos coches híbridos e eléctricos matriculados no concello.

“Parécenos unha proposta necesaria e que pode contribuír ao uso de medios de transporte máis eficientes, ecolóxicos e sostibles na nosa vila”, sinalan. Os socialistas defenderán unha moción na vindeira sesión plenaria coa que “demandan a modificación da ordenanza do imposto sobre vehículos de tracción mecánica do concello”.

Concretamente solicitan “que se contemplen bonificacións do 50% para os vehículos híbridos (con motor eléctrico-gasolina, eléctrico-diésel, eléctrico-gas ou gasolina-gas) que minimicen as emisións contaminantes”.

Así mesmo, propoñen “unha bonificación do 75% para os vehículos de motor eléctrico e/ou emisións nulas, ou que utilicen exclusivamente como combustible biogás, gas natural, gas líquido, metano, metanol e hidróxeno”. Ademais, estes descontos deberán ter efectos no seguinte período impositivo (2024).

O PSdeG de Monterroso incide “na necesidade de promover a mobilidade sostible fomentando o uso de vehículos respectuosos co medio ambiente para que sirvan de exemplo ao resto da cidadanía, por iso queremos recoñecer o esforzo da veciñanza que apostou por estes sistemas enerxéticos nos seus vehículos, subvencionando o imposto de circulación nun 50% e 75%, respectivamente”.

Dende a Agrupación Socialista declaran que “seguiremos traballando e impulsando propostas e iniciativas realistas, e sobre todo que dean resposta ás demandas da veciñanza”. “Sabemos que é unha iniciativa novidosa, pero entendemos que se pode traballar dende tódalas administracións, incluído o Concello, para fomentar a compra e o uso deste tipo de vehículos tan necesarios para reducir a contaminación actual”, inciden.