Skip to main content
Samos

Un estudo revela que a paisaxe ao redor do mosteiro de Samos é da Idade de Ferro

Por 12 Xaneiro, 2023Xaneiro 13th, 2023Sin comentarios

Un estudo transdisciplinar elaborado por un equipo de investigadores da USC, CSIC, UDC e das universidades de Newcastle e St Andrews demostra que o comezo da formación da paisaxe socalcada que rodea o mosteiro de San Xulián de Samos iniciouse durante a Idade de Ferro, moito antes da súa fundación, que se estima no ano 665, tal como se deduce nunha inscrición perdida que estaba nos muros do claustro da portería onde poñía que fora reconstruído polo bispo de Lugo Ermefredo.

“O mosteiro erixiuse durante a Idade Media nun dos máis poderosos de toda Europa e tiña posesións en diversos lugares de Galicia e o Bierzo”, apuntan dende o proxecto ARPAMED, no que se enmarca a investigación, liderado polo profesor da USC, José Carlos Sánchez Pardo.

O artigo, publicado en Journal of Archaeological Science: Reports, dá conta de como neste período histórico comezaría un proceso de deforestación para a creación de campos de cultivo de cereal e pastos e constata como os períodos Baixomedieval e Moderno representan os momentos de maior actividade na reconfiguración da paisaxe socalcada de Samos, evidenciando como o mosteiro actuou como axente de ordenación do territorio en Galicia e no Bierzo.

“Os mosteiros foron importantes centros de poder ao longo da historia, algúns deles, abarcando posesións ao longo de amplas rexións xeográficas. Estes eran centros relixiosos pero tamén cumprían importantes funcións sociais, culturais, agrícolas e mesmo industriais”, explican os investigadores.

Novos descrubrimentos

Con todo, investigacións en marcha poderían achegar novas evidencias, particularmente para os primeiros períodos de funcionamento do mosteiro na alta Idade Media.

“Hai que ter en conta que unha vez que se constrúen, os socalcos agrícolas poden manterse en activo durante varios séculos e, en ocasións, os procesos de mantemento poden borrar evidencias de manexo máis antigas, polo que son máis difíciles de detectar”, explican.

A partir da análise palinolóxica do sedimento dos socalcos evidenciouse que, xa dende a Idade do Ferro, na paisaxe dominaría un mosaico composto por campos de cereal, pastos e formacións boscosas de carballo e castiñeiro.

Con todo, analizando a información contida nos textos medievais, apréciase a significación que tiñan as maceiras, a vide e o liño para a comunidade monástica. Estes cultivos, ou ben non son distinguibles mediante análises polínicas, ou ben adoitan aparecer infrarrepresentados.

“A investigación salienta a importancia de apostar pola combinación de aproximacións interdisciplinarias para estudar non só os cambios físicos nas paisaxes, senón aspectos sociais relacionados coa xestión dos recursos no pasado e que, sen dúbida, deixaron a súa pegada nas paisaxes culturais do presente”, apuntan dende o equipo investigador.

O mosteiro de Samos, que xa foi motivo de interese recentemente, pertence á orde dos beneditinos que, xunto con outras ordes monásticas como o Císter, tiveron un gran peso na expansión dos cultivos de vide e maceiras en toda Europa.

Noemí Silva-Sánchez do Incipit-CSIC é a primeira autora do traballo, quen coordinou o paquete de paleoambiente, incluíndo o estudo xeoquímico e palinolóxico dos socalcos e a análise histórica relativa aos usos da terra. Tamén asinan Tim Kinnaird de St Andrews, Marcos Fernández-Ferreiro da USC, Estefanía López-Salas da UDC, Sam Turner da Universidade de Newcastle e José Carlos Sánchez Pardo da USC.