Skip to main content
A Pastoriza

O PP da Pastoriza reclama melloras nos accesos á parroquia de Pousada

Por 30 Xaneiro, 2023Sin comentarios

“As infraestruturas ben planificadas e sometidas a un mantemento periódico e eficaz son condición necesaria para fixar poboación no medio rural. É algo que ou non saben ou non queren saber o alcalde, Primitivo Iglesias (PSOE) e a concelleira Elva Carreira (BNG), porque, noutro caso, non se entende que deixaran que as vías municipais alcanzaran o nivel de deterioro que presentan actualmente”, así o afirma o representante do Partido Popular que asegura que “é un problema xeralizado no municipio; é un problema que afecta a unha gran parte dos veciños de A Pastoriza e, entre outros moitos aos residentes na parroquia de Pousada”. O PP da Pastoriza reclama ao alcalde que adopte as medidas precisas para reparar canto antes os accesos a est a parroquia.

O PP de A Pastoriza di que circular polas vías municipais na parroquia de Pousada é “unha verdadeira tortura”. Afirma que as estradas están cheas de fochancas, algunhas delas de gran tamaño, e hai tramos nos que desapareceu o pavimento nas beiras, polo que estas pistas son aínda máis estreitas nalgúns puntos. Os populares aseguran que a sinalización, “máis que escasa, pódese dicir que é inexistente. Circular por estas estradas é incómodo, pero, aínda máis, é perigoso polo mal estado do pavimento e a falta dunha sinalización adecuada”.

No PP instan ao socialista Primitivo Iglesias e a concelleira nacionalista Elva Carreira “a saír da súa zona de confort” e a poñer mans á obra para xestionar a mellora dos accesos a Pousada. Din que os veciños saben ben “o abandono a que estiveron sometidos polo goberno local, polo que, aínda que en vésperas electorais acometan a mellora dos acceso a esta parroquia, o PSOE e o BNG  non conseguirán xa os réditos electorais que non souberon ganar ao longo do mandato”.