Skip to main content
Xove

Xove cederá unha parcela municipal para construir a residencia de Aspanane

Por 24 Febreiro, 2023Sin comentarios

O Concello de Xove acolleu un Pleno extraordinario no que se aprobou a cesión gratuíta dun terreo á Aspanane, a Asociación de Pais de Persoas con Discapacidade Intelectual, que actualmente se atopa en Viveiro.

Neste parcela de titularidade municipal e edificable, que está situada preto da entrada da urbanización de Palmeiro, o colectivo poderá construír a residencia pola que leva moito tempo pelexando e o alcalde, Demetrio Salgueiro, confía en que a principios do 2024 comecen as obras.

Este terreo conta cunha superficie de 6.390 metros cadrados, segundo informou Salgueiro, “moi preto sitúase Cogami, o centro de recursos para persoas con discapacidade, onde se fan numerosos cursos e actividades. Contan con zonas verdes e de esparcemento e ademais é soleada, e está a un quilómetro do centro urbano de Xove e moi preto do corredor que comunica con Viveiro, onde Aspanane ten o centro”.

O Concello recibiu a solicitude de Aspanane fai arredor dun mes e o rexedor xovense comprometeuse a buscar un terreo e tratar de axilizar esa petición. Agora atópase en trámite de información pública a fin de que calquera persoa física ou xurídica poida examinar o expediente.

A sede de Aspanane está situada en Viveiro e por iso o colectivo quería levantar a residencia neste municipio, pero a falta do PXOM fixo infructuosa esta xestión. Ademais, nun primeiro momento optouse pola opción de trasladar a Escola Oficial de Idiomas ao antigo colexio de Celeiro, pois se atopa na planta superior do centro de día, “esta xestión tardou máis do previsto, e despois Aspanane comprobou que o inmoble era pequeno e non cumpría coa nova Lei de Mobilidade”, dixo a rexedora viveirense, María Loureiro.

Loureiro lamenta que finalmente Aspanane teña intención de facer a súa residencia en Xove e solicita á Xunta “que aprobe con urxencia o PXOM, xa que temos moitas limitacións para acoller proxectos deste tipo”.

“Buscamos e baraxamos varios emprazamentos en Viveiro, pero temos a limitación de non ter aprobado aínda o PXOM e non temos parcelas urbanas, como pode ter Xove, polo tanto non hai ningunha parcela para facer a residencia que se adapte ás súas necesidades”, explica Loureiro.

“Ofrecísmolles varias parcelas que temos pero ao ser de dominio público, unha cedida por Costas e outra do parque industrial, terían que ser para unha residencia pública, non poden ser para unha residencia de xestión privada, e por iso o concello tivo esa dificultade”, engade Loureiro.

“O Concello vai seguir colaborando con Aspanane, para nós e prioritario e, de feito, agora imos facer unha obra, por un importe de 50.000 euros a través dun convenio da Deputación, nas instalacións que teñen cedidas”, remata Loureiro.