Skip to main content
Lugo

Lugo prepárase para celebrar o Entroido

Por 7 Febreiro, 2023Sin comentarios

Un ano máis a cidade de Lugo prepárase para celebrar un Entroido cheo de actividades, actuacións e por suposto o concurso de disfraces. Esta ano as actividades darán comezo o día 6 de febreiro ás 19.30 coa proxección do vídeo Enterro da sardiña 2002 no Vello Cárcere, unha oportunidade para recordar as festas do pasado ano.

O mércores 15 ás 19.30 o Vello Cárcere acollerá a charla O mundo da máscara a cargo de Mercedes Vázquez Saavedra, vinculada ao mundo da escritura é autora de varias guías que está mergullada no mundo da máscara dende hai moitos anos con fin de investigar as máscaras do rural.

O pregón terá lugar o 17 de febreiro ás 20.00 na praza Maior e será a cargo da xornalista e investigadora da USC Marta Veiga para continuar coa actuación de Condensadores de Fluzo. A partir das 21.30 a charanga Louband estará enchendo de música o recinto histórico.

O concurso de disfraces de Entroido, que xa ten aberto o prazo para anotarse, é todos os anos unha das actividades que conta con maior participación da veciñanza, desde os máis pequenos ata os adultos.

O sábado 18 a partir das 17.00 terá lugar o concurso infantil e o desfile partirá da praza da Soidade e discorrerá polas rúas Antón Fraguas, Quiroga Ballesteros, Santo Domingo, Raíña e praza Maior. Ademais durante o desfile poderase desfrutar da actuación Clownamorado a cargo de Rudi Dudi a partir das 18.00 na praza Maior.

Este ano os premios do concurso infantil de disfraces repartiranse en varias categorías, unha individual con contías de 100, 80 e 50 euros, outra por parellas onde os premios serán de 150, 120 e 90 euros e outra para comparsas onde os premios serán de 240, 180 e 140 euros. Estes premios serán entregados en dous vales, que sumarán o importe total do premio, un lote de libros, que pode incluír material escolar ou de papelería, e outro para actividades de ocio e tempo libre.

O xurado estará formado por persoas de recoñecido prestixio e vinculación coa cultura e valorarán a composición estética, a orixinalidade, a calidade e a presentación.

Xa pola noite Tambukda ás 20.00 e Brassica Rapa ás 22.00 estarán polo recinto histórico enchendo de música as rúas da cidade.

O domingo 19 o pallaso Peter Punk estará co seu espectáculo Chungo que te cagas ás 12.30 na praza Maior. Un espectáculo onde maiores e pequenos poderán desfrutar de malabares, xogos e moitas risas.

A gala de circo Introitus chega o luns á praza Maior da man de Culturactiva ás 18.30. Pola noite a batucada Bloco Meigallo estará a partir das 20.00 soando polo recinto histórico e a partir das 22.00 será o quenda para a charanga Unión Phenosa.

O martes 21 a xornada dará comezo ás 12.30 coa actuación As que máis molan da Gramola do grupo A gramola gominola.

O concurso de disfraces para adultos celebrarase tamén o día 21 de febreiro a partir das 17.00 e terá o mesmo percorrido que o concurso infantil. Os premios desta edición serán de 500, 300 e 200 euros, xunto con tres accésits de 50 euros para a categoría individual. 600, 400 e 300 euros, xunto con 5 premios de 100 euros na categoría de parellas e as comparsas optarán a premios de 1.100, 800 e 600 euros xunto con 7 premios máis de 200 euros.

As inscricións poderán realizarse a través do correo electrónico cultura@lugo.gal e pecharanse o 17 de febreiro para a categoría infantil e o 20 de febreiro para categoría adultos, ambas rematarán ás 14.30.

Ao rematar o concurso de disfraces de adultos ás 18.00 terá lugar a actuación do grupo Carta de ajuste. Para finalizar estas festas de celebracións do Entroido o mércores 22 ás 20.00 terá lugar o enterro da sardiña a cargo da Asociación Cultural Pepe Barreiro.

Ademais das actividades culturais o 11 terá lugar a I Festa da Filloa en Lugo que consistirá no reparto gratuíto de filloas na rúa Quiroga Ballesteros cunha gran máquina que permita abastecer de filloas a todas as persoas que se acheguen.