Skip to main content
Lugo

O programa Boramus buscará modernizar a xestión e mellorar a eficiencia do ciclo integral da auga en Lugo

Por 10 Febreiro, 2023Sin comentarios

O Concello de Lugo busca mellorar a eficiencia da xestión do ciclo da auga a través do programa Boramus para realizar un maior aproveitamento dos recursos, tanto hídricos como municipais, e nun incremento da calidade de vida da veciñanza que terá garantida a subministración cun menor número de avarías e en mellores condicións e, polo tanto, cun menor custo do servizo.

“Unha das consecuencias da emerxencia climática é a escaseza de auga, un produto – a auga limpa – que precisa dunha gran cantidade de esforzos e recursos, o que fai preciso procurar unha xestión adecuada das infraestruturas necesarias para a súa produción, ao obxecto de evitar usos indebidos e desperdicios dun ben tan prezado”, afirmou Lara Méndez.

A propia rexedora – compañada dos concelleiros de Medio Ambiente, Miguel Fernández, e Desenvolvemento Local, Ana González Abelleira informaba dos detalles deste ambicioso proxecto co que o Concello de Lugo concorrerá ás axudas do Perte, ao abeiro do Plan de Recuperación, Transformación e Resiliencia dos Next Generation.

“O importe das 14 actuacións que queremos levar a cabo ascende a 10.000.000 de euros, o que dá boa conta da súa envergadura, coa pretensión de que o 72’44% se asuma con fondos europeos (7.244.000 €) e o resto (2.756.000 euros) cunha achega municipal. Este trámite, tanto a aprobación do proxecto en sí como a participación na convocatoria europea, xa foi autorizado esta semana en Xunta de Goberno”, anunciou.

Méndez referiu que co proxecto, que xa estaba recollido no Plan de Acción Local da Axenda Urbana 2030 Lugo Cidade Viva, o Concello pretende elaborar un plan de sustentabilidade e eficiencia do uso dos recursos hídricos do municipio no que se terán en conta as fases de depuración, reutilización e distribución da auga para reducir perdas, fomentar usos eficientes do rego, incentivar a recollida de pluviais nos edificios e diminuír o consumo e o gasto enerxético.

“Ademais queremos modernizar e impulsar a dixitalización do ciclo completo da auga e reforzar os programas de seguimento e control das verteduras, facendo fincapé tamén na concienciación sobre o seu uso”, engadiu e tamén sinalou que en España se ten contabilizado que a auga non rexistrada – que é a que se perde por fugas nas tubaxes, por fraudes ou erros de medición – alcanza unha media do 25% do total da auga dispoñible nas cidades. “Unha cantidade nada desdeñable e que resulta imperativo corrixir”.

“Precisamente, o principal aspecto innovador do proxecto Boramus é o feito de que tratemos de abordar o problema de raíz. Propoñendo, alén da mellora da rede de abastecemento coa instalación de nova tubaxe no ciclo completo da agua (captación, abastecemento, saneamente e vertedura), a implantación de mecanismos de dixitalización que alcanzarán incluso ao saneamento mediante a adquisición de sistemas de revisión da rede. Isto permitirá coñecer con moita brevidade e precisión a situación de todas as canalizacións da cidade e posibilitará evitar interrupcións duradeiras na subministración nos puntos exactos onde se suceden esas fugas, atendendo con maior axilidade os posibles problemas na rede, en beneficio da veciñanza”, afirmou Lara Méndez.

Así, é importante destacar que todas as intervencións deseñadas contribuirán a lograr unha redución de consumo medio de enerxía anual de, como mínimo, un 10%. “Estes aforros lograranse coa aplicación de medidas de eficiencia enerxética e coa posta en marcha de instalacións de produción de enerxía renovable asociadas ao proceso, pero tamén coa dixitalización de gran parte da rede de abastecemento que permita detectar os puntos nos que hai usos anómalos da auga ou onde está a orixe da fraude”.

Boramus comprende tres tipos diferenciados de actuacións, por unha banda, as destinadas a elaboración e/ou actualización de estratexias, plans e proxectos construtivos ou estudos que promovan a mellora da eficiencia do ciclo urbano da auga e pola outra, intervencións específicas de mellora de eficiencia e da dixitalización do ciclo urbano da auga relacionadas coa captación, os sistemas de abastecemento, saneamento e depuración e en puntos de vertedura de augas residuais e finalmente a mellora de plataformas ou sistemas de información e ferramentas dixitais co obxectivo de previr as perdas de auga e mellorar a xestión das infraestruturas de tratamento, etc.

“En total foron planificadas 14 accións cuxa implantación cronolóxica comprende, no seu conxunto, un horizonte de tres anos (2023 – 2025), atendendo a obriga de que todas estean rematadas a 31 de decembro de 2025, aínda que existe a posibilidade dunha prórroga que finalizaría o 1 de xuño de 2026”, aclarou.

Dentro destas actuación podemos atopar a implantación dun sistema de Información Xeográfica ou GIS, tanto na rede de abastecemento como na de saneamento, eficiencia enerxética e mellora das bombas no sistema de captación, dixitalización dos depósitos ou mellora das bombas da rede de abastecemento.