Skip to main content
Lugo

Un acto lembra a figura de Rosalía de Castro

Por 24 Febreiro, 2023Sin comentarios

Lugo acolleu un acto con motivo do Día de Rosalía, celebrando o 185 aniversario do nacemento da poeta na praza Maior. A concelleira de Cultura, Maite Ferreiro, destacou a figura “moderna, poderosa e valente” de Rosalía, e afirmou que isto converte á poeta “nunha das mellores figuras que nos definen como pobo”.

“Rosalía foi pioneira na defensa da nosa lingua, pioneira na defensa dos dereitos e pioneira na defensa dos dereitos das mulleres e por iso é preciso lembrar a esa Rosalía feminista, inconformista, e rebelde que rompeu moldes e que hoxe sigue sendo un referente”, afirmou Maite Ferreiro.

O acto contou coa tradicional ofrenda floral a Rosalía e a lectura do manifesto da AELG polo Día de Rosalía, escrito por Carme Adán. Despois, realizouse a tradicional lectura pública de poemas de Rosalía. A actividade contou coa presenza de estudantes de distintos centros de ensino de Lugo, que realizaron tamén a súa homenaxe á Poeta.

Día de Rosalía 2023

O Día de Rosalía celébrase este ano por segunda vez no 23 de febreiro, despois de que a Fundación Rosalía de Castro propuxera mudar a data debido ao recente descubrimento da investigadora Sagrario Abelleira, que correxiu a data de nacemento da poeta.

O Día de Rosalía converteuse nos últimos anos nunha das datas máis importantes do calendario cultural galego. Comezou sendo unha data celebrada e reivindicada pola AELG para logo conseguir unha presenza destacada no mundo escolar. Posteriormente chegaría a súa extensión a outros sectores máis amplos da sociedade e, ao mesmo tempo, a confirmación institucional.

Con motivo desta celebración a área de cultura celebra tamén o vindeiro 28 de febreiro unha conferencia de Maria López Sanchez para inaugurar a mostra O herbario de Rosalia que estará no Vello Cárcere dende o 28 ata o 14 de marzo.