Skip to main content
Sarria

O alcalde de Sarria convoca un pleno o vindeiro martes para aprobar os orzamentos

Por 3 Febreiro, 2023Febreiro 4th, 2023Sin comentarios

A Comisión Especial de Contas convocada polo goberno local de Sarria o pasado xoves acadou un ditame favorable polos votos a favor dos seis edís de Camiña Sarria e dous do BNG, a abstención dos dous concelleiros do PSOE e de Benjamín Escontrela, a pesar dos seis votos en contra dos edís do Partido Popular.

Así, o alcalde de Sarria, Claudio Garrido, convocou para o vindeiro martes ás 12.00 horas un pleno de carácter extraordinario para someter a aprobación o orzamento xeral do Concello de Sarria para o exercicio de 2023.

Claudio Garrido valorou “moi positivamente” a resposta dalgúns grupos da oposición á “chamada á responsabilidade” realizada en días pasados para posibilitar “unha votación tan trascendente para o futuro do concello e da residencia”.

“Poder aplicar a RPT e completar o proceso de estabilización laboral son dous obxectivos fundamentais para darlle un gran pulo ao funcionamento do concello e os grupos políticos debemos estar á altura”, resaltou.

Por outra banda, o rexedor local precisou que no pleno do martes, antes de proceder á votación do orzamento xeral, a corporación deberá votar a modificación da ordenanza reguladora do prezo público pola prestación do servizo de atención na Residencia de Maiores Nosa Señora do Carme, que a semana pasada fora ditaminada desfavorablemente.