Skip to main content
Lugo

Avanzan os traballos na cloaca romana que pronto será visitable

Por 14 Marzo, 2023Sin comentarios

Continuan os avances das obras para a recuperación e posta en valor da cloaca romana situada no semisoto da Sala de Exposicións Porta Miñá, no barrio do Carme. “Unha infraestrutura con preto de 1.700 anos de antigüidade, descuberta en 1994 –no marco dunha intervención dirixida desde o Servizo de Arqueoloxía do Concello– e que, grazas a estes traballos que impulsamos dende o executivo local, será visitable por toda a cidadanía”, sostivo a rexedora, que lembrou que é a única cloaca de Galicia que se poderá coñecer ‘in situ’.

Méndez explicou que “actualmente, os labores de adecuación do espazo atópanse nun estado avanzado, xa se pode baixar xa a visitar a cloaca unha vez executadas as escaleiras de acceso, e xa están finalizando as obras do ascensor, mentres desenvolven os traballos de acondicionamento da zona interior”.

“Por outro lado, tamén se escavou a cloaca por dentro baleirándoa para un mellor estudo dos achados arqueolóxicos, avanzouse na execución de instalacións interiores, no recovo e enfoscado de paramentos verticais e no chan de madeira, traballos que permitirán facer este espazo visitable e accesible para os lucenses” subliñou a alcaldesa.

“Paralelamente estase a traballar nas tarefas de museografía, de xeito que, unha vez remate a obra civil e arquitectónica, levarase a cabo a instalación dun tótem informativo, vinilos, sistemas de iluminación, tematización gráfica e audiovisual, así como a instalación de dispositivos multimedia, é dicir, a dotación do equipamento museográfico para facilitar a súa interpretación e contextualización no cliclo da auga da época romana”, engadiu.

O obxectivo é que tanto a veciñanza lucense como os turistas e visitantes poidan realizar unha viaxe ao mundo soterrado da cidade romana de hai 1.700 anos, coñecendo a cloaca romana orixinal en bo estado e na súa localización real.

Neste senso, Lara Méndez lembrou que “dende o Concello, sen ser a administración coas competencias en patrimonio, xa que estas son propias da Xunta de Galicia, decidimos levar a cabo esta intervención en beneficio do conxunto dos lucenses e da cidade”. “Unha actuación que se enmarca na nosa aposta por seguir protexendo e difundindo o pasado romano da cidade, tanto para defender o patrimonio, como para convertelo noutro dos piares do modelo de turismo de calidade e sostible que estamos a deseñar”, apuntou.

Así mesmo, a rexedora insistiu na necesidade de que a Xunta, que ten as competencias propias de protección do patrimonio, “se sume ao Concello impulsando a rehabilitación do Museo da Romanización de Galicia no Cuartel de San Fernando, compromiso que adquiriu pero aínda non cumpriu, e espero que o actual presidente Alfonso Rueda se reúna para avanzar neste proxecto, xa que, non esquezamos, vai albergar patrimonio arqueolóxico que é titularidade da Xunta”.

“O Museo da Romanización debe ser o lugar que albergue todos os restos que se  forom atopando ao longo dos anos, que actualmente están dispersos e almacenados en distintos recintos, incluso en casas particulares de arqueólogos, de aí a necesidade de ter ese continente que nos siga axudando a poñer en valor o patrimonio, pero sobre todo que siga impulsando a divulgación e investigación en este eido, porque non será so un lugar onde almacenar restos, senón tamén un lugar onde seguir estudando o noso pasado e dinamizar, desde un punto de vista turístico e económico, a nosa cidade”, finalizou.

A empresa Resconsa é a encargada de realizar as tarefas, ás que o Concello de Lugo destina un orzamento de 398.724 euros, ao abeiro da estratexia DUSI Muramiñae, cofinanciada pola Unión Europea a través do FEDER.

O proxecto ten, deste xeito, tres obxectivos básicos: realizar traballos de conservación-restauración que permitan gozar “in situ” e preservar para xeracións futuras, esta parte do rico patrimonio arqueolóxico de época romana que alberga a cidade de Lugo; adecuación o espazo para facelo visitable e accesible, respectando a contorna e o edificio catalogado onde se sitúa; e, finalmente, a integración do discurso museológico cos outros restos arqueolóxicos e instalacións museísticas visitables en Lugo como parte dun único discurso da vida da cidade romana.