Skip to main content
Lugo

O BNG presenta a súa candidatura en Lugo

Por 17 Marzo, 2023Sin comentarios

O Bloque Nacionalista Galego vén de presentar a súa candidatura en Lugo de cara ás vindeiras eleccións do 28 de maio. Nesta presentación participou a portavoz nacional, Ana Pontón, que presentou ao cabeza de lista, Rubén Arroxo como  “o próximo alcalde de Lugo, tras ter sido o motor das grandes transformacións levadas a cabo na cidade durante o presente mandato, demostrando que o Bloque ten proxecto para Lugo e equipo para executalo”.

“Rubén, tes experiencia, tes solvencia,  tes proxecto de cidade, tes o empuxe e a forza para levalo a cabo, e tes amor por Lugo. Por todo isto sei que vas ser un gran alcalde para Lugo tras o 28 de maio, porque estas preparado para liderar Lugo tras levar a iniciativa política na cidade ao longo de todo o mandato”, proclamou Pontón.  A líder nacionalista indicou que o seu convencemento de que Arroxo recibirá un apoio histórico por parte da veciñanza baséase “na forza dos feitos”.

“Os feitos dinnos claramente que Lugo é hoxe unha cidade mellor grazas ao enorme traballo de Rubén e de todo o equipo que o acompaña; dinnos que Lugo é unha cidade máis humanizada, onde as persoas ganaron terreo aos coches, recuperando espazos públicos para darlle máis poder á xente; onde os nenos e as nenas van máis seguros aos centros escolares”, argumentou.

Afondando nos logros, destacou que grazas ao traballo do BNG, “Lugo é agora máis sustentable, máis verde, con máis eficiencia enerxética; con mellores infraestruturas e equipamentos nos barrios, con mellor calidade de vida”. A acción do goberno do Bloque tradúcese nunha urbe con dinamismo cultural, cunha programación plural, diversa, que aposta polo inmenso talento do País e con orgullo da lingua e cultura propias, destacou Pontón.

En definitiva, subliñou na súa intervención,  “o que nos din os feitos é que o BNG da man de Rubén Arroxo foi o auténtico motor de cambio e de transformación da cidade desde o goberno municipal, que o BNG converteu Lugo nunha cidade mellor, empoderando ás persoas fronte aos coches; unha cidade cun urbanismo sustentable, con  máis calidade de vida para a veciñanza”, sintetizou.

Estes logros do traballo da formación nacionalista desde o Executivo local é o que lle leva a Pontón a avanzar que o BNG “terá un resultado histórico en Lugo e que Rubén será o próximo alcalde liderando o Goberno municipal a partir do 28M”.

“O BNG foi o motor do cambio nestes catro anos”, subliñou, pero “o mellor para Lugo está por vir, para construír unha cidade que aproveite todo o seu potencial, con máis dinamismo económico, oportunidades para a xente moza, para seguir ganando espazo público para as persoas, servizos públicos e igualdade”.

“Para iso, a mellor alternativa é o proxecto do BNG da man de Rubén Arroxo, liderando un equipo de homes e mulleres con todas as ganas para traballar a favor de Lugo e da súa veciñanza. Sei que ides saír a por todas, sen poñervos límites, con humildade pero coa máxima ambición, para darlle a esta cidade un presente e un futuro mellor liderando o próximo Goberno municipal”, destacou.

Modelo municipal de éxito

Nese sentido, fixo fincapé no “aval que supón o modelo municipal do BNG á hora de pedir o apoio da veciñanza”. “Un modelo de éxito, que funciona, como demostramos alí onde gobernamos, un modelo municipal que transforma, que converte as vilas e cidades en referentes de calidade de vida, de xestión, de participación. Lugo empeza a ser un reflexo dese modelo municipal de éxito, e queremos que entre con toda a forza a partir do 28 de maio”, concluíu.

Na súa intervención, Rubén Arroxo destacou que o Bloque “cumpriu co 95% do programa” co que se presentou, “impulsando desde o Goberno municipal o cambio real”, destacando sobre todo “a importante transformación das infraestruturas pensando unha cidade para as persoas”. De feito, destacou “a rehabilitación de espazos como A Mosqueira, Quiroga Ballesteros ou as rúas do barrio de Recatelo”, incidindo na peonalización de quince rúas e espazos públicos.  Nesta liña, destacou “a creación de vieiros escolares e zonas seguras nas contornas educativas, con pasos elevados para peóns e elementos de calmado do tráfico”.

Máis calidade de vida nos barrios

Arroxo tamén puxo en valor as melloras nos barrios, “aportando máis calidade de vida a veciñanza”, así como as medidas impulsadas para conseguir unha urbe mais verde coa implantación de iluminación LED en grande parte da cidade, “mellorando  o alumeado e conseguindo aforro enerxético”, explicou.

A aposta polo comercio local foi outra das liñas de traballo, que se plasmou na renovación da praza de abastos e do mercado municipal, promovendo o consumo dos produtos de proximidade, facilitando a xeración de riqueza e emprego.

Rubén Arroxo puxo en valor a política cultural impulsada polo BNG, enchendo de contido creativo espazos como o vello cárcere, o Auditorio Gustavo Freire ou as salas da Rede museística municipal, trasladando a cultura ao espazo público con murais, esculturas e poesía na rúa para facilitar a socialización da cultura. Ao que se suma o éxito do San Froilán e de eventos populares como a cabalgata de Reis ou o apalpador.

A defensa dos servizos públicos e de infraestruturas esenciais para a cidade, como un tren digno a Lugo, foron sinais de identidade do BNG, que tamén defendeu o espazo que rodea o río Rato “contra un invasivo trazado da rolda Leste”, destacou Arroxo, que finalizou poñendo en valor un Lugo “orgulloso” da identidade cultural de Galiza a través de referentes como Castelao, a bandeira, o himno ou a lingua propia do País.