Skip to main content
Lugo

Deputación e Concello completarán o desdobramento e humanización da avenida Infanta Elena

Por 31 Marzo, 2023Sin comentarios

O presidente da Deputación, José Tomé Roca, e a alcaldesa de Lugo, Lara Méndez López, asinaron o acordo de colaboración e presentaron o proxecto técnico co que ambas administracións completarán o desdobramento e a humanización da avenida Infanta Elena,acometendo unha segunda fase que afecta ao treito que vai da glorieta 25 de Novembro á de Benigno Rivera.

“Cumprimos o compromiso de poñer en servizo no verán a primeira fase das obras e hoxe cumprimos de novo voa palabra dada”, subliñou o Presidente, quen concretou que, seguindo o mesmo modelo de colaboración, o Concello promove a obra e aportará os terreos, mentres que a Deputación redactou o proxecto técnico, financiará integramente os traballos cun investimento de practicamente 1,5M€ e tamén se ocupará de acometelos.

José Tomé destacou que a execución da primeira fase “tivo un resultado excelente”. “É unha gran obra, que está moi ben valorada polos veciños da cidade e do resto da provincia”, e nesta segunda fase “seguiremos nesta mesma liña, cunha actuación urbanística coidada, con criterios de humanización e sostibilidade, para seguir mellorando a seguridade e a comodidade dos peóns, dos ciclistas e dos condutores, e acorde coa entidade desta avenida, como principal entrada a Lugo dende a súa parte norte e como arteria distribuidora do tráfico pola cidade”.

“Estamos aquí para presentar feitos e cumprir coa nosa palabra, como sempre facemos a alcaldesa e máis eu”, incidiu o mandatario provincial. “Así actuamos os Gobernos progresistas: cun proxecto de futuro ben definido, marcando uns obxectivos e cumpríndoos cun plan de traballo realista e serio”, afirmou Tomé Roca, quen avanzou neste sentido que o seguinte paso “será licitar as obras para telas adxudicadas e acometelas cando os terreos estean dispoñibles unha vez que finalice a expropiación”. O prazo de execución, unha vez iniciados os traballos, é de 12 meses.

O proxecto

O proxecto contempla o desdobramento e a humanización da avenida Infanta Elena no treito comprendido entre a glorieta 25N e a de Benigno Rivera. Entre a glorieta 25N e a da Garaballa, a marxe dereita da calzada pasará de dous carrís de circulación a tres, cun ancho total de 10,25 metros. A marxe esquerda manterá a distribución de tres carrís existente, cunhas beirarrúas de 2,25 metros de ancho e un carril bici que dá continuidade ao do tramo anterior. A actuación contempla tamén a humanización da mediana central, que xa conta con céspede natural, na que se plantarán árbores e especies arbustivas.

Entre a glorieta da Garaballa e a de Benigno Rivera actuarase para dotar a este treito de dúas marxes de calzada dun ancho de 10,25 metros cada unha, distribuídas en tres carrís de circulación por sentido. A marxe dereita dotarase ademais dun carril bici cun ancho de 3 metros. En ambos lados, as beirarrúas contarán cun ancho de 4,05 metros, árbores, iluminación, bancos e papeleiras.

Ademais, renovaranse os servizos de abastecemento, saneamento e alumeado público, tendo en conta a situación actual e as demandas futuras que poida ter a contorna, como pode ser o desenvolvemento de solos urbanos ou urbanizables.

Esta proposta vertebra todas as súas accións tendo en conta o Plan de Mobilidade e Espazo Público de Lugo, onde se establece unha nova xerarquía no uso da cidade, onde o peón é o  protagonista, seguido dos medios de transporte non motorizados e o transporte público e, en último termo, o vehículo privado.

Compromiso con Lugo

O presidente subliñou que a mobilidade é “un factor clave para o desenvolvemento dos territorios, a nivel social e económico e, por iso, é unha das liñas de actuación prioritarias que temos marcadas no proxecto de futuro que temos trazado para a provincia de Lugo”. Así, enmarcou nesta aposta o financiamento da segunda fase das obras de desdobramento e humanización da Avenida Infanta Elena, pero sobre todo “é froito do compromiso de colaboración que temos na Deputación co Concello de Lugo”, destacando que a institución provincial dedicou no conxunto deste mandato un total de 17 millóns de euros a “moi distintas actuacións, que serven para dotar e mellorar os servizos e infraestruturas na cidade e no rural de Lugo e, dende logo, unha cantidade moi superior á que a Xunta de Galicia inviste na capital”.

José Tomé felicitou á alcaldesa polo seu “compromiso e traballo para seguir transformando esta cidade, e mellorar a calidade de vida dos veciños”. “Por desgracia, hai quen pensa que o futuro pódese construír dende o descoñecemento, mesturando ocorrencias con artimañas, con mentiras e inventos, todo para tentar destruír aos adversarios políticos”, afirmou. Pola contra, como demostra a Alcaldesa, subliñou, “o futuro constrúese con feitos, con xestión, con seriedade e con honestidade”.

A alcaldesa de Lugo, Lara Méndez, destacou a importancia que ten para a cidade este convenio que permitirá acometer a segunda e última fase do desdobramento da Infanta Elena, un acceso clave para Lugo e de conexión dos polígonos do Ceao e o das Gándaras e situadonunha zona da cidade destinada a crecer con proxectos de gran envergadura, como o futuro barrio multiecolóxico.

Ademais, a rexedora sostivo que unha vez finalizada a obra, esta avenida se conformará como unha vía alternativa para liberar do tráfico da avenida da Coruña,”avenida que queremos transformar cun gran bulevar para mellorar a calidade de vida da veciñanza do barrio da Milagrosa”. Para acometer esta nova execución, a rexedora lembrou que o Concello procederá a expropiar 29 parcelas, que terán un custo global para administración local de 147.372 euros.   Agradeceu á Deputación ter atendido a súa demanda para financiar este acceso, xa que “estas obras son froito dun convenio de colaboración no marco da debida e sempre beneficiosa colaboración institucional”;.