Skip to main content
Láncara

O PSOE de Láncara elixe a Darío Piñeiro como o candidato ás eleccións

Por 2 Marzo, 2023Sin comentarios

Darío Piñeiro será o alcaldable polo PSOE nas vindeiras eleccións de maio no Concello de Láncara despois de que os socialistas de Láncara decidiran por unanimidade elixir como candidato ao actual alcalde do concello.

O rexedor aspira a ampliar a maioría acadada hai catro anos, contando “cun equipo consolidado e con experiencia de xestión que reforzará a súa candidatura e que irá dando a coñecer nas vindeiras semanas”, explicou Piñeiro.

Entre os seus obxectivos, subliñou, está “darlle continuidade aos importantes proxectos que están en marcha é que están a cambiar radicalmente a imaxe do noso concello”.

Neste sentido, lembrou que “Láncara recibiu no mandato da covid o maior investimento da súa historia e iso vese e nótase na evolución do noso municipio”, explicou.

Por outra parte, argumentou que o rural será un dos eixos fundamentais para os próximos catro anos: “Imos volcarnos cunha aposta moi forte polo rural. Eu tiña esperanzas de que a Xunta se preocupara por iso, pero non fixeron nada, así que será a miña prioridade. Quero que a xente do rural teña servizos públicos de calidade e verdadeiras oportunidades para quedar a vivir no rural”, sentenciou.

Tamén fixo fincapé no seu compromiso por mellorar e incrementar os servizos públicos, así como apoiar aos sectores produtivos e a dinamización do ocio e da cultura, “factores esenciais para fixar poboación”, dixo.

Por último, falou de Alba Sangil, á que lle encargou a redacción do programa “naquelas cuestións que teñen que ver coa Cultura, o Deporte, a Xuventude, o Turismo e a Hostalaría, pola experiencia que atesoura. A miña idea é que ocupe un posto de saída e nos axude a darlle un novo impulso a estas áreas”, remarcou o alcalde.