Skip to main content
Pol TERRACHÁXA

“O primeiro é levar a auga a Torneiros, a única parroquia que nos queda”

Por 26 Marzo, 2023Marzo 27th, 2023Sin comentarios

Lino Rodríguez Ónega é o alcalde de Pol desde o ano 2007 e foi deputado ata 2019.

Que balance fai da lexislatura?

Eu creo que a lexislatura foi moi positiva porque as diferentes inversións que fixemos no concello foron pensadas para a mellora de cada veciño no día a día como o tema da auga ou o das pistas. Tamén é  importante o desenvolvemento que tivemos do gran proxecto da luz pública, que transformamos o concello e pasamos todo a lámpada led e isto estase traducindo nun aforro que empezaremos a ver. Unha das cousas que hoxe temos ao día son todas as licenzas, ben sexa de edificios ou ben de obra pequena, o que significa que respondemos ao veciño no día a día e iso valóroo moito, ao igual que os veciños, que veñen buscar calquera documento e téñeno ao día ou ao día seguinte. Polo tanto eu creo que en liñas xerais é moi positivo o tema das inversións que fixemos no concello e sen deixar de falar desa área deportiva que está convertendo e poñendo a Pol no sitio que corresponde, creo que é un dos concellos con mellores instalacións deportivas na provincia.

Houbo un investimento no abastecemento de auga. Como están as obras neste momento?

A nosa fonte de ingresos e vía Deputación. Temos un parque de maquinaria extraordinario que nos serve para dar bos servizos aos nosos veciños como neste caso o da auga. Demos servizo a todas as parroquias. agás unha, que estamos preparando proxecto. É unha inversión forte, que é levar auga a Torneiros. E logo tamén melloramos o bombeo de Lea, e noutras parroquias realizamos melloras como Caraño, Lúa ou Gondel.

Todo isto son melloras que imos realizando ano tras ano e que vale moito para os veciños, tivemos problemas de auga pero hoxe chega. No relativo ás melloras destacan as feitas en Silva ou no barrio de Andión, que tiñan problemas co abastecemento.

“Temos unha rede de estradas que supera os 750 quilómetros, onde cerca de 300 están asfaltados e o resto son pistas de concentración parcelaria e camiños”

E tamén se traballou no cambio do alumeado en todo  o Concello.

Apostouse pola mellora na iluminación cun cambio a led, que se fixo de forma rápida, cunha inversión forte e utilizando un sistema diferente que o resto de concellos.  Fomos directamente a unha solicitude do IDAE onde se cambiaron 1700 luminarias, e agora a parte de que gañamos en luminosidade temos un aforro enerxético. De feito, están aínda traballando os técnicos porque temos que perfilar algúns puntos.

Outro dos investimentos fortes é en estradas.

Temos unha rede de estradas que supera os 750 quilómetros, onde cerca de 300 están asfaltados e o resto son pistas de concentración parcelaria e camiños. Polo tanto, conservalos todos danos moito traballo e grazas ao parque de maquinaria imos conseguindo, non telas o ben que quixéramos, pero imos mellorando os accesos ás explotacións e as fincas e despois o de día a día das asfaltadas. Espero continuar na próxima lexislatura e continuar facendo un pouco o que viñamos facendo. No relativo ás estradas eu diría que están ben, iso non quere dicir que no xurdan fochancas e sobre todo este ano que choveu moito e os desbordamentos estragaron pistas. Agora estamos a facer novos proxectos para arranxar novas pistas.

Que prazos se manexan para finalizar a nova zona deportiva?

Eu quería esta primavera tela terminada, pero vai ser difícil porque sempre hai cousas que se saen dos cálculos. De todas formas esta primavera ou verán terminaremos a grada. Despois o campo de fútbol está ben e toda a área deportiva,  onde está a pista de pádel e os xogos tradicionais, está en perfecto estado, quizá fagamos algunha modificación ao longo deste ano, si salvamos a situación en maio, continuaremos traballando para deixar todo en perfecto estado. O que pretendemos e facer que xente de Lugo, ou de outras zonas veña, estamos apoiando o deporte e este ano vaise celebrar aquí outra vez o Campus dos irmáns Quintela que visita xente de diferentes puntos de España, iso creo que é unha ilusión e unha oportunidade para dar a coñecer o concello de Pol.

Como van os procesos de concentración parcelaria?

Iso si que hai que facer unha crítica dura porque hai unha parroquia, Suegos, que no 2000, antes de ser eu alcalde, comezou co proceso e aínda non saíu adiante. Están facendo moita publicidade e sen embargo as concentracións non se moven. Noutra parroquia, Hermunde, presentamos un escrito dende o Concello coas firmas do 99 por cento dos veciños, e aí quedou. Isto é unha desgracia para o sector gandeiro e madeireiro. A concentración parcelaria, se dependera da firma do alcalde, faríaa por decreto e hai moita xente que está de acordo, porque a xente dáse de conta que con parcelas pequenas non se fai nada. Eu levo máis de seis meses pedíndolle unha entrevista ao conselleiro de medio rural porque é un desastre como deixaron a concentración parcelaria da parroquia de Pol.

E de cara xa ao futuro, cales son os principais proxectos?

A longo prazo un proxecto estrela sería levar a auga a parroquia de Torneiros que é a que nos queda, o resto está case ao cen por cento. E despois teño un proxecto estrela que levo anos pensando nel e por motivos de inversión non é posible e porque desgraciadamente da Xunta non vén nada, porque ter unha igrexa que é do século XV cuns retablos extraordinarios e non hai forma de conseguir algo de patrimonio, pero despois denúnciante por todo, pero non son capaces de aportar para conservar algo. Proxectos son seguir mantendo toda a infraestrutura da auga, facer camiños, imos facer un local social novo na parroquia de Suegos. Tamén estamos a traballar no aforro enerxético, que isto se informará moi pronto aos veciños das comunidades enerxéticas, onde o Concello vai estar na vangarda de poder colaborar co aforro enerxético cos propios veciños.

“Temos un parque de maquinaria extraordinario que nos serve para dar bos servizos aos nosos veciños como neste caso o da auga”

Que necesidades ten o Concello a día de hoxe?

As necesidades que teñen os concellos pequenos, no só o de Pol, é o mal que nos trata o Estado pasando pola Xunta. Un concello como acabo de dicir, con 700 quilómetros de pista, uns veciños espallados, o servizo da lixo por debaixo dos costes todo isto depende de que os concellos teñan máis fondos. Non podemos crear postos de traballo porque non temos partida orzamentaria, sen embargo temos necesidades. Nós estamos na vangarda dando servizo de axuda a domicilio e sen embargo aínda temos que aportar unha parte de diñeiro para os veciños que están nas residencias. A lei de dependencia que nace do Estado pasando pola Xunta de Galicia e aí se tiña que acabar, nós tiñamos que recibir máis diñeiro para dar os servizos básicos. E hai unha cousa que quero deixar como unha crítica, é vergoñento como tratan as paradas do bus para ir os nenos ao colexio, estamos nun ámbito rural e non teñen en conta iso deixando aos rapaces as paradas a dous quilómetros obrigando aos pais a desprazarse para levar aos nenos. Pasa o autobús por algúns barrios e non son capaces de recoller alí a un neno, teñen que ir con el a outro barrio porque alí se estableceu unha parada.

Temos xa unha data de apertura da biblioteca?

Estamos traballando nesa cuestión porque casualmente a bibliotecaria atópase de baixa, volveu hai uns días deuse de alta e volveu darse de baixa. Así que nos quedan dous camiños, ou a cerramos ou contratamos a alguén porque non podemos estar así.

Que aporta ao concello o xeodestino Ancares-Terras de Burón?

Imos sacando adiante cousas. Agora por exemplo imos mellorar un lavadoiro tradicional e antigo, que está situado en Hermunde, a inversión é pequena porque son 30.000 euros o que podemos alcanzar, aí necesitabamos ter máis pero polo menos estamos facendo cousiñas que están en deterioro e ímolas recuperar. Entre elas este lavadoiro que é onde van destinados os cartos do GDR.