Skip to main content
Pol LUGOXAPol TERRACHÁXA

O Goberno impulsou a renovación do alumeado público das 19 parroquias de Pol

Por 29 Marzo, 2023Marzo 30th, 2023Sin comentarios

O Ministerio para a Transición Ecolóxica e o Reto Demográfico, a través do IDAE, concedeu ao Concello unha axuda de 671.000 euros para financiar o 80% do proxecto de modernización de todo o sistema de alumeado.

A subdelegada do Goberno en Lugo, Isabel Rodríguez, certificou en Pol como o Plan de Recuperación, Transformación e Resiliencia do Goberno “está a impactar no rural da provincia, mellorando a vida dos cidadáns, con proxectos que apostan pola sustentabilidade e a transición enerxética, dando resposta ás demandas dos concellos”, e que se exemplifica nos 671.000 euros que o Ministerio para a Transición Ecolóxica e o Reto Demográfico, a través do Instituto para a Diversificación e Aforro da Enerxía, concedeu ao Concello de Pol para financiar o 80% do proxecto de modernización integral do sistema de alumeado público das 19 parroquias coas que conta o municipio.

Isabel Rodríguez visitou a localidade, acompañada do alcalde, Lino Rodríguez, para comprobar o resultado destas actuacións de substitución e renovación de 1.561 puntos de luz por outras luminarias máis modernas e eficientes dotadas con novos equipos de tecnoloxías LED (de baixo consumo), así como a modernización e optimización dos cadros de mando de iluminación pública. Nesta liña, a subdelegada avanzou que este novo sistema de alumeado, ademais de mellorar a calidade lumínica, permite ao Concello alcanzar un aforro enerxético de máis do 70%, “o que supón reducir a factura anual da luz en 45.000 euros que poderá dedicar a outras necesidades do municipio”.

Para a subdelegada trátase dun proxecto que segue a liña do compromiso coa sustentabilidade e a necesidade de facer de Lugo un territorio máis respectuoso co medio ambiente, e que se enmarca dentro das 70 iniciativas que o IDAE impulsou en materia de aforro e eficiencia enerxética na provincia cun investimento de 20,7 millóns de euros. “Estes fondos están permitindo acometer medidas para favorecer o paso a unha economía baixa en carbono, contribuíndo ao desenvolvemento sostible das nosas vilas”, remarcou.

A subdelegada felicitou ao alcalde por acadar esta axuda do Goberno e subliñou como o municipio segue avanzando e mellorando os seus servizos porque “cando as administracións suman vontades conséguese que os concellos melloren, beneficiando, coma neste caso, aos 1.600 habitantes que viven en Pol”.

Dixitalización do municipio

Xunto coa transición enerxética, a subdelegada destacou a presenza de Pol nas dúas convocatorias do Programa Único Banda Ancha, o plan do Ministerio de Asuntos Económicos e Transformación Dixital para a dotación de internet superior a 300mb en zonas sen cobertura. En concreto, permitirá a conexión de alta velocidade de 238 puntos nos que se localizan 1.511 vivendas e empresas de Pol. “Con fondos do Plan de Recuperación, Pol contará con conexión a internet de alta velocidade en practicamente todo o territorio”, confirmou Isabel Rodríguez.

Entre as dúas convocatorias do Plan Único, o Goberno inviste na provincia de Lugo 22,5 millóns de euros para levar a tecnoloxía de conexión de alta velocidade a máis de 32.700 vivendas e empresas da provincia.

Memory: 148.7969MB (7.27% of 2048MB)