Skip to main content
Becerreá

Carlos Pereira será o candidato do PSOE á Alcaldía de Becerreá

Por 2 Abril, 2023Sin comentarios

Os socialistas de Becerreá celebraron na Casa da Cultura da localidade o acto de presentación da candidatura ás eleccións municipais, liderada por Carlos Pereira Fernández.

Un encontro ao que asistiu o secretario xeral do PSdeG na provincia de Lugo, José Tomé Roca, ademais do voceiro socialista no Parlamento de Galicia, Luis Álvarez, e os deputados no Congreso Ana Prieto e Javier Cerqueiro, entre outros representantes institucionais do partido, alcaldes, concelleiros, militantes e simpatizantes de Becerreá e da comarca da Montaña.

José Tomé felicitou ao candidato, “primeiro por dar este paso adiante”, pero tamén pola súa “traxectoria e compromiso co Partido Socialista e con Becerreá. Por estar aí, nos tempos bos, e nos malos”. “Unha etapa moi dura”, sinalou, “que, sen embargo, superamos con valentía, coa cabeza ben alta, con traballo, ao lado da xente. Outros non poden dicir o mesmo”.

José Tomé mostrouse convencido de que, con Carlos Pereira, “acércase un cambio político” na localidade, “que lideraremos os socialistas”. “O actual alcalde xa fai moito tempo que non ten nada que ofrecer, non ten ningún proxecto para Becerreá, só o seu interese persoal en seguir no poder. E a xente dáse conta diso”.

Incidiu en que os socialistas “temos o mellor candidato, a mellor candidatura e o mellor proxecto de futuro para Becerreá, para recuperar servizos, que se están perdendo cada día, para volver á senda de dinamismo e de progreso  deste concello como cabeceira de comarca, con políticas centradas nas persoas, como sempre facemos os socialistas”. “Como alcalde, na Deputación terás un aliado, e abriremos a residencia, ademais de apoiarte no que precises”, subliñou o líder dos socialistas na provincia.

O candidato socialista avanzou que traballará “con total intensidade” xunto coa súa candidatura “para que Becerreá sexa de novo un referente en actividade social, económica e de emprego”. E explicou que se presenta a esta nova convocatoria electoral “con máis ilusión que antano”, iniciando unha nova etapa “na que ademais estou acompañado dun equipo de xente que ten moitas ganas de participar na vida política municipal, de aportar ideas en novos proxectos para construír o futuro do noso concello, e contando sempre coa colaboración de tódolos colectivos do municipio”.

Carlos Pereira lamentou a perda de servizos públicos e dotacións que viviu o concello nos últimos tempos, como o GES. “Un concello como o de Becerreá non se pode permitir o luxo de perder nin unha soa dotación. Onte foi o GES, mañá poder ser outro servizo público. Temos que poñer solucións enriba da mesa, un Concello non se pode gobernar dende o caciquismo”.

Carlos Pereira, natural de Becerreá, é un histórico militante do PSOE que desempeñou diversos cargos orgánicos no partido, ademais de ser concelleiro socialista entre os anos 1999 e 2003 na Corporación local, e manter sempre unha activa implicación na vida política do seu concello.