Skip to main content
Lugo

O Museo Provincial amosa por primeira vez ao público o sestercio de Augusto

Por 1 Abril, 2023Abril 3rd, 2023Sin comentarios

A mostra De monetaria galega. Galiza e a súa moeda dende a Antigüidade ata os nosos días, que dimensiona o papel da numismática na cultura, economía, politica e sociedade galega, vén de ser inaugurada.

A exposición amosa por primeira vez ao público o sestercio da caetra ou sestercio de Augusto, unha moeda declarada BIC o pasado mes de setembro e case única xa que só se coñece da existencia doutros dúas no mundo -unha que se conserva no Museo de Arqueoloxía Don Diego de Sousa de Braga e outra poxada en 1968 e 1979 e actualmente en paradoiro descoñecido.

Trátase dunha peza de bronce, de 38.07 gramos, coa cabeza de Augusto no anverso, e coa caetra, escudo dos galacios presente nas esculturas de guerreiros atopadas en Galiza e no norte de Portugal, no reverso. Aínda que non presenta marcas de ceca nin datación, a investigación numismática atribúe a súa cuñación ao campamento militar que deu orixe a Lucus Augusti. Alén de maior concreción neste aspecto, a iconografía fala das relacións entre castrexos e romanos durante a romanización.

No acto de inaguración, no que interviron as persoas coordinadoras da mostra, a directora do Museo de Lugo Aurelia Balseiro e o historiador e experto en numismática Pablo Núñez, e Antonio Roma, xurista e estudoso da numismática membro do comité científico da mostra, Maite Ferreiro lembrou que “a Vicepresidencia da Deputación de Lugo iniciou o pasado mes de febreiro os trámites para incorporar esta moeda, ata agora propiedade dun coleccionista privado, ao Museo Provincial de Lugo e polo tanto ao patrimonio público”.

“Agardamos que no tempo que a exposición permaneza aberta, ata o 30 de xuño, se complete o procedemento e Lugo se confirme xa como destino definitivo para esta moeda única, que ampliará a xa destacada colección numismática do Museo Provincial de Lugo, unha das máis completas do Estado con 10.000 moedas e medallas”.

O sestercio da caetra é a peza máis singular dunha mostra que inclúe tamén o maior conxunto de moedas xermánica do Noroeste peninsular ou un billete único de Santiago de Compostela, e que suliña o papel da muller na moeda dende Dona Urraca ata Isabel II, destacando a Dona Urraca como a primeira raíña na moeda na Pensínsula Ibérica.

A mostra permanecerá no refectorio do Museo Provincial de Lugo ata o vindeiro 30 de xuño. De martes a sábado: 10.00 a 13.30h. e de 16.00 a 20.30h. Domingos e festivos: 10.00 a 15.00h.

Como actividade paralela á mostra, os vindeiros días 14 e 15 de abril o Pazo de San Marcos acolle a VI Xornadas de Divulgación Científica do Patrimonio Arqueolóxico Lucense nas que se abordarán, desde distintas perspectivas, o contexto e a historia monetaria galega e que reúnirán especialistas das universidades galegas, do Museo Arqueolóxico Nacional e do Museo Nacional de Arte de Catalunya. A participación na xornada require inscrición previa, a través do formulario dispoñible na web www.redemuseisticaluga.org.