Skip to main content
Lugo

O proxecto educativo Universo Reich une o traballo de 102 alumnos nun concerto no Gustavo Freire

Por 11 Abril, 2023Sin comentarios

O XI Ciclo de Música Contemporánea de Lugo Mihl Sons organizado pola Área de Cultura, Turismo e Promoción da lingua do Concello de Lugo,  celebra hoxe o concerto music for 18 musicians de Steve Reich. O concerto celebrarase ás 20.00 e as entradas pódense adiquirir aquí de balde ata completar aforo.

Este concerto é o colofón do proxecto pedagóxico Universo Reich unha proposta pedagóxica interdisciplinar e intercentros no ámbito das Ensinanzas Artísticas de Réxime Especial.

Neste proxecto educativo da academia internacional Cardinais de Vertixe Sonora, súmase o traballo do alumnado da Escola de Arte e Superior de Deseño Ramón Falcón, o alumnado dos Conservatorios de música de Galicia e do Conservatorio de Danza de Lugo no que participarán 20 músicos, 22 bailaríns, 26 deseñadores gráficos, 11 deseñadores de interiores, 15 técnicos de serigrafía e 7 fotógrafos.

Un total de 102 alumnos acompañados por unha ducia de profesores de distintas materias e especialidades. Entre as actividades máis salientables resaltar o obradoiro de procesos creativos impartido pola investigadora, creadora e xestora cultural Sabela Mendoza, os encontros co percusionista Diego Ventoso, a visita técnica ao Auditorio Gustavo Freire e os encontros entre as distintas especialidades para a dinamización, coordinación e desenvolvemento do proxecto.

Toda unha experiencia de aprendizaxe colaborativa para a presentación de Music for 18 musicians, a lexendaria peza de Steve Reich, considerado por moitos un dos mellores compositores americanos do noso tempo e un dos pioneiros do minimalismo na música, xunto con outros compositores como La Monte Young, Terry Riley, John Cage e Philip Glass.