Skip to main content
Lugo

A Deputación detecta varias irregularidades no proxecto da Rolda Leste

Por 21 Abril, 2023Sin comentarios

O presidente, José Tomé Roca, esixe explicacións á Xunta e á vicepresidenta do Parlamento e candidata por Lugo pola “nefasta xestión”: “Débenllo ós lucenses, por respecto. Deben explicar por que non fixeron nada durante 14 anos e por que agora que fan algo, o fan tan mal”.

A Deputación de Lugo detectou “graves irregularidades” no proxecto de trazado da Xunta de Galicia para a segunda fase da Ronda Leste. Así o anunciou o presidente provincial, José Tomé Roca, quen explicou este xoves nunha rolda de prensa na Sala de Xuntas as alegacións que a institución vén de presentar, no trámite de exposición pública, á proposta da Administración autonómica para o treito da nova vía entre o enlace coa LU-530 e a N-VI, baseadas nos informes elaborados polos servizos técnicos da Deputación.

José Tomé subliñou que queda confirmado “o que xa manifestei cando se presentaron os Orzamentos da Xunta para o ano 2023. Os anuncios que fixeron sobre a Ronda Leste son un engano, unha mentira e unha burla ós lucenses porque non van facer nin un só metro de obra este ano. Polo tanto, o investimento que ían facer neste 2023 de 6M€ non se vai executar”.

Ao mesmo tempo, ante este proxecto de trazado, tamén queda demostrado para o presidente da Deputación que a Consellería de Infraestruturas e a súa titular, a Conselleira Ethel Vázquez, “son uns chapuceiros e fan unha xestión desastrosa, técnica e politicamente”.

Recalcou que “todo o que está feito a día de hoxe da Ronda Leste é obra do Goberno autonómico do presidente Emilio Pérez Touriño, que, en catro anos, construíu a primeira fase desta circunvalación, e deixou licitada a elaboración do proxecto da segunda fase”.

Pola contra, cando Alberto Núñez Feijóo asumiu a presidencia da Xunta no 2009 “paralizou todo”, relatou José Tomé, incidindo en que “durante 14 anos non fixeron nada, mesmo chegaron a borrar a Ronda Leste dos Orzamentos da Xunta”.

“Sacaron o proxecto do caixón por interese electoral, como se fose un anónimo”

Neste ano electoral, “e cando a ex Alcaldesa de Mondoñedo quere aspirar á Alcaldía de Lugo”, subliñou, “sacan este proxecto do caixón do esquecemento por puro interese electoral, como se fose un anónimo”. Unha afirmación que avalou recordando que a actual candidata á Alcaldía de Lugo “votou en contra de que a Xunta de Galicia dotase de orzamento á segunda fase da Ronda Leste cando era Deputada provincial en iniciativas que se debateron no Pleno”.

Polo tanto, “votou e foi en contra desta infraestrutura esencial para os lucenses, pero agora, que lle ten que pedir o voto ós lucenses, di que a quere”, aseverou.

Ademais de “chegar tarde, chegan mal”, recalcou o mandatario provincial, tal e como determinan os informes técnicos da Deputación de Lugo, xa que o proxecto de trazado “presenta graves irregularidades”.

Antes de entrar a detallar as alegacións, o presidente deixou claro que a Deputación Provincial de Lugo “está a favor de construír a Ronda Leste, porque consideramos que é moi necesaria, pero non se pode facer de calquera maneira, nin a calquera prezo. Por iso alegamos”.

Neste sentido, asegurou que a Xunta “incumpre as súas propias Leis, as normativas e procedementos que esixe á cidadanía e ás outras administracións, con moito máis empeño cando non son da súa mesma cor política”.

As irregularidades detectadas son as seguintes:

PRIMEIRA IRREGULARIDADE: A Declaración de Impacto Ambiental está caducada. Este documento xa non é válido porque data do 29 de novembro do ano 2004 -hai 19 anos-, e ademais a Xunta fixo unha modificación substancial do proxecto inicial do ano 2003.

Polo tanto, debe tramitar un novo procedemento de avaliación de impacto ambiental conforme á normativa vixente, en concreto, cumprindo co recollido na Lei 21/2013, do 9 de decembro, de Avaliación Ambiental, e a Lei 9/2018, do 5 de decembro, pola que se modifica, entre outras, a referida Lei 21/2013.

SEGUNDA IRREGULARIDADE: O proxecto incumpre o Plan Xeral de Ordenación Municipal de Lugo. Co cambio de trazado, a Xunta, por un lado, elimina un viaduto sobre o Rego da Saíma e cámbiao por un recheo, o que supón uns impactos diferentes que deben ser analizados novamente; e, por outro lado, desvíase do recollido no PXOM, situándose entre os puntos quilométricos 4,5 e 5,080 moi distante do disposto no Plan Xeral.

TERCEIRA IRREGULARIDADE: A Xunta vulnera a lexislación vixente porque non aporta un Estudo de Impacto e Integración Paisaxística. Polo tanto, debe elaborar este Estudo, en cumprimento da Lei 7/2008, do 7 de xullo, de Protección da Paisaxe de Galicia. “Por certo, utilizando a mesma Lei, paralizoulle á Deputación de Lugo o informe favorable do Plan Especial para construír o Parque Central do Centro Xeográfico de Galicia durante tres anos”, subliñou o presidente.

CUARTA IRREGULARIDADE: O proxecto presenta impactos críticos, moi graves, na contorna do Rato, tanto a nivel ambiental e visual, como dos usos do Parque Periurbano, porque modifica substancialmente a xeomorfoloxía do terreo e a paisaxe. O informe técnico no que a Deputación basea as alegacións é moi detallado e completo, pero o presidente detallou os impactos máis graves. Así, para a apertura do trazado que propón a Xunta sería necesario cortar practicamente 7 hectáreas de bosque de frondosas, de carballos centenarios, na parte sureste. A superficie total afectada pola corta e a conseguinte fragmentación do terro sería maior e abarcaría toda a mancha de bosque existente, que é a Carballeira de Bosende.

Ademais, o proxecto contempla estruturas e elementos de gran impacto visual e ambiental, como un terraplén de ata 24 de metros de altura –equivalente a oito pisos dun edificio de vivendas- para cruzar o Rego da Saíma ou plataformas asfálticas de 30 metros de ancho.

Así mesmo, explicou José Tomé, a Xunta de Galicia “debe ter en consideración á hora de plantexar este proxecto de trazado que Lugo, e especialmente o Parque do Rato, forman parte da Reserva da Biosfera Terras do Miño, declarada pola UNESCO no ano 2002, a primeira de Galicia”.

O Goberno galego “non contou para nada” coa Deputación

O presidente da Deputación lamentou “a total falta de diálogo da Xunta de Galicia co resto de administracións, neste caso coa Deputación de Lugo. Unha administración directamente afectada, porque somos os xestores da Reserva da Biosfera Terras do Miño e, ademais, temos a titularidade de terreos nesta zona”.

O Goberno autonómico, afirmou, “non contou para nada coa Deputación, porque nunca aplica a cogobernanza que lle esixen ós demais. Algo que deberían facer en todos os casos, pero máis nunha infraestrutura que é estratéxica e fundamental para a capital e para o conxunto da provincia”.

Como a Xunta “non dialoga e non ten interese público, só actúa por interese electoral para aparentar que fan algo antes das eleccións municipais, agora atopámonos con este proxecto infumable”, sinalou José Tomé, quen se mostrou convencido de que, “se se preocuparan por dialogar, sacaríamos adiante o proxecto da Ronda Leste que os lucenses necesitamos para seguir avanzando na mellora da mobilidade e, polo tanto, no desenvolvemento social e económico da provincia”.

Diante desta situación, o mandatario esixiu explicacións por esta “nefasta xestión” á Xunta e tamén a candidata de Lugo e vicepresidenta do Parlamento: “Débenllo ós lucenses, por respecto. Deben explicarlles por que non fixeron nada durante 14 anos pola Ronda Leste e por que agora que fan algo, o fan tan mal”.

José Tomé reclamou que o Goberno galego corrixa canto antes as deficiencias e presente unha proposta “axeitada a nivel técnico, legal e ambiental, porque esta non vale”. “Só así conseguiremos unha infraestrutura que sexa útil, sostible, que respecte a protección que esixe a Reserva da Biosfera e que garanta os usos actuais do Parque do Rato”, afirmou.