Skip to main content
Lugo

Corenta músicos participan nun curso de interpretación de música medieval no Centrad

Por 29 Abril, 2023Sin comentarios

Corenta persoas chegadas de distintos puntos do Estado e doutros países de Europa -Italia, Portugal e Bélxica – participan no curso de interpretación de música medieval Os Sons dos Camiños, que se imparte ata o domingo no Centro de Artesanía e Deseño.

O deputado de Artesanía e Deseño Efrén Castro, que deu a benvida a Lugo ás persoas asistentes, explicou que “o Centro de Artesanía e Deseño conta cun importante patrimonio instrumental grazas aos proxectos de investigación e reconstrución de instrumentos medievais que se viñeron desenvolvendo nas últimas décadas. O obxectivo deste curso é aproveitar estes recursos para proxectar Lugo como un centro de referencia tamén na interpretación e na docencia da música medieval”.

O responsable provincial destacou “o interese que suscitou o curso entre músicos especialistas nestes instrumentos e técnicas que, ao tempo que reciben esta formación única, poden coñecer a cidade e afondar na súa riqueza patrimonial e cultural”.

O curso reúne a catro dos mellores intérpretes internacionais de música medieval: Francisco Luengo, que imparte clases de instrumentos de corda frotada (violas, gigas e organistrum), Bor Zuljan, de corda pulsada (cítolas e lúdes), Manuel Vilas, de arpa medieval, e Paloma Gutiérrez del Arroyo, de canto.

A formación céntrase na interpretación de instrumentos e técnicas características da música medieval, principalmente do repertorio medieval galego, no que destacan as Cantigas de Santa María do Rei Afonso X e pezas de trobadores como Martín Códax ou o Rei Don Dinis, así como música das romarías e peregrinacións de trobadores franceses e provenzais.

Son 8 horas de formación diaria, de 10.00 a 14.00 horas e de 16.30 a 20:30 horas, co alumnado dividido por tipo de instrumento durante a mañá, e clases de música de cámara, xuntando diferentes instrumentos, nas sesións de tarde. O curso pecharase cun concerto o domingo, ás 19.00 horas.