Skip to main content
MonterrosoO SaviñaoOurol

Medio millón de euros para continuar mellorando a mobilidade na provincia

Por 1 Abril, 2023Sin comentarios

A Xunta de Goberno aprobou a adxudicación dos traballos para arranxar as vías que unen Ferreira con Currelos e Porto con Córneas polo Casar, no Saviñao, e tamén a de Ligonde, en Monterroso.

A Xunta de Goberno da Deputación de Lugo aprobou dedicar medio millón de euros para continuar mellorando a mobilidade na provincia, tanto en estradas provinciais, como municipais. Así o anunciou a voceira socialista do Goberno, Pilar García Porto, quen detallou os acordos adoptados na reunión desta semana.

Por unha banda, quedaron adxudicados tres proxectos en estradas provinciais ao seu paso polos concellos do Saviñao e de Monterroso. No caso do Saviñao, a Deputación actuará na LU-P-4102, que une Ferreira con Currelos, cun investimento que supera os 112.000€. As obras afectarán ao treito que vai dende o punto quilométrico 10,9 ao 14,7, e terán un prazo de execución de 2 meses. Estes traballos dan continuidade a outros que a Deputación executou nesta mesma vía neste mandato cun investimento que supera os 300.000€ para mellorar os 3 primeiros quilómetros da estrada e o treito que vai dende o punto quilométrico 3,7 ó 6,1.

“Con esta nova adxudicación, falamos de que a Deputación destinou máis de 410.000€ á mellora desta estrada entre Ferreira e Currelos, que é unha vía de comunicación moi importante para os veciños e veciñas da Ribeira Sacra, pois conecta co casco urbano de Pantón e serve de acceso a servizos fundamentais da localidade, como o centro de día, a gardería ou o tanatorio, ademais de ser a vía que une Pantón con Escairón”, explicou García Porto.

Tamén no Saviñao, quedou aprobada a adxudicación de obras de mellora na LU-P-5802, que vai dende Porto ata Córneas polo Casar, cun investimento de 70.000€. Nesta estrada a Deputación renovará o treito que vai dende o punto quilométrico 6,4 ao 8,02. O prazo de execución é de 2 meses.

Ademais, a Xunta de Goberno aprobou a adxudicación de obras de mellora na estrada de Ligonde, en Monterroso, cun investimento de 170.000€. As tarefas na LU-P-3305 afectan ao treito que vai do quilómetro 5,3 ao 8,9, e contemplan a limpeza de laterais e obras de drenaxe, a pavimentación con aglomerado en quente e a sinalización mediante marcas viais reflexivas brancas. O prazo de execución é tamén de 2 meses. Esta obra completa á que a Deputación executou recentemente no tramo anterior a este, entre os quilómetros 4 e 5,3 cun investimento de 83.000€.

Colaboración con Ourol

A Xunta de Goberno de hoxe aprobou un importante acordo de colaboración entre a Deputación de Lugo e o Concello de Ourol para arranxar os danos ocasionados polas fortes chuvias do mes de xaneiro en dúas estradas municipais. A Deputación achegará 123.500€, o que representa  máis do 92% do coste total das obras, mentres que o Concello aporta os 10.000€ restantes.

En concreto, vaise traballar en dous puntos. Na estrada municipal que vai da Ponte de Betanzos a Borra, no Rego da Veiga. Aquí, a estrada veuse abaixo e vai ser necesario colocar un novo marco prefabricado de formigón, instalarase unha valla de seguridade e repoñerase o firme.

Tamén se vai reconstruír a estrada municipal do Porcado, derrubada nun tramo polas choivas. Aquí colocarase un novo tubo de formigón coa súa estrutura e a continuación vaise repoñer o firme.

A Deputada explicou que este acordo responde “ao firme compromiso de colaboración que mantemos dende a Deputación cos concellos da provincia, neste caso para que o de Ourol poida facer fronte ós efectos dunha emerxencia para a que non ten capacidade económica só cos recursos municipais”.

150.000€ para o Resurrection Fest

Visto bo tamén do Goberno da Deputación a destinar 150.000€ a través dun contrato de patrocinio para colaborar coa celebración do Resurrection Fest de Viveiro. “Unha cita de renome internacional, que de novo converterá a Viveiro na capital do hardcore, do metal e do punk entre o 28 de xuño e o 1 de xullo”, explicou a Deputada, ao tempo que fixo fincapé en que esta nova edición contará co maior número de artistas internacionais ata hoxe, con 100 bandas que xa están confirmadas.

García Porto lembrou que dende a Deputación se vén apoiando “ano tras ano ó Resu, dentro da nosa aposta por colaborar, en todo o que sexa posible, cos concellos e co tecido produtivo para que poidan saír adiante iniciativas tan positivas para impulsar o turismo e a economía da provincia coma esta”.

Premios ao turismo e á gastronomía da provincia

Aprobada a convocatoria da cuarta edición dos premios á excelencia do turismo e da gastronomía da provincia de Lugo, de novo con tres categorías: Premio Lugo Cambia ao turismo lucense, Premio …E para comer, Lugo á gastronomía lucense e Premio Turismo Sostible.

Estes galardóns, creados no seo do Consorcio Provincial de Turismo, “son unha medida máis que promovemos para apoiar, poñer en valor e visibilizar o traballo e a calidade do sector turístico e hostaleiro da nosa provincia”, detallou. Poden presentarse persoas físicas ou xurídicas, institucións e entidades públicas ou privadas, asociacións e colectivos sen ánimo de lucro, de ámbito local, autonómico, nacional ou internacional que destaquen nalgunha das tres modalidades e que teñan repercusión positiva no turismo ou na gastronomía a nivel provincial ou nunha zona específica.

As candidaturas poderán presentarse a título individual ou por unha terceira persoa co consentimento expreso do candidato ou candidata. O xurado estará composto polos representantes do Consello Provincial de Turismo, que, nunha sesión extraordinaria, fallará tres premios nas categorías Lugo Cambia ao Turismo Lucense e …E para comer, Lugo á Gastronomía Lucense, respectivamente, e un único premio no caso da categoría de Turismo Sostible.

Na valoración das candidaturas terase en conta a aportación da iniciativa ao desenvolvemento turístico, a singularidade da proposta e a repercusión positiva  sobre a imaxe da provincia. Os galardóns serán entregados o 27 de setembro nun acto público coincidindo co Día Mundial do Turismo. Como nas edicións anteriores, os premios consistirán nun diploma acreditativo e nun agasallo, que será unha peza de artesanía tradicional da provincia.

Está previsto que as bases desta cuarta edición do certame se publiquen nos vindeiros días no Boletín Oficial da Provincia.

Ademais, na Xunta de Goberno de hoxe acordouse adxudicar o contrato para a prestación do servizo de seguridade e vixilancia dos distintos edificios e dependencias da Deputación de Lugo á empresa ILUNION Seguridad S.A. por un importe de case 3 millóns de euros e unha duración de dous anos, coa posibilidade de dúas prórrogas anuais. En materia de contratos tamén se adxudicou o de mantemento do servizo de videovixilancia da Deputación á empresa Bastet Seguridad Tecnológica SL por un importe de 61.600€. Ten unha vixencia de dous anos, con posibilidade de dúas prórrogas anuais.