Skip to main content
Monterroso

O PSOE de Monterroso acusa á alcaldesa de irregularidades administrativas

Por 28 Abril, 2023Sin comentarios

O Grupo Socialista de Monterroso alertou no último Pleno da Corporación municipal das “graves irregularidades administrativas” cometidas pola alcaldesa, xa que aprobou mediante un decreto, en vez de no Pleno, a modificación de dúas ordenanzas fiscais co fin de ter a declaración de Concello Emprendedor.

Concretamente, e tal como marca a normativa para aprobar esta tramitación, o Concello de Monterroso debería modificar no Pleno a ordenanza do Imposto sobre Bens Inmobles (IBI) e tamén a do Imposto de Construcións, Instalacións e Obras (ICIO). Sen embargo, “lamentablemente, a alcaldesa quixo unha vez máis facer as cousas pola porta de atrás, aprobando estes cambios mediante un Decreto de Alcaldía. É dicir, eu firmo, ordeno e mando, saltándose a toureira todo o procedemento lexislativo”.

De feito, explican os socialistas, así o recolle a Secretaria municipal nun informe que elaborou sobre o decreto asinado pola alcaldesa para modificar estas ordenanzas, no que, literalmente, di que “non se axusta ao procedemento establecido pola lexislación vixente, sendo competencia do Pleno do Concello as modificacións das ordenanzas reguladoras”. Sinala ademais que, “segundo a Lei de Procedemento Administrativo Común das Administracións Públicas son actos nulos os ditados por órgano manifestamente incompetente”. Finalmente, este punto foi retirado da orde do día ante as advertencias do PSdeG.

Gardería municipal

Outro asunto tratado no Pleno foi a modificación da ordenanza da gardería municipal, que, manifesta o PSdeG “tramitouse moi tarde e con falta de impulso político durante a tramitación administrativa”.

Polo tanto, este cambio “chega tarde, xa que moitas familias tiveron que soportar o pago destas taxas durante os meses de setembro, outubro, novembro e decembro de 2022”, aseguran os socialistas, que solicitan “a devolución dos importes recadados polo Concello indebidamente pola inoperancia política da alcaldesa”.

Liquidación do Orzamento 2022

Ademais, nesta mesma sesión plenaria, abordouse a liquidación do Orzamento do Concello correspondente ao ano 2022, un documento do que os socialistas destacaron “as observacións da propia Interventora municipal sobre as graves irregularidades no exercicio das funcións da Alcaldía”. Como exemplo, inciden, “existen provedores que exceden o límite do contrato menor e provedores para os que non existe contrato en vigor. Así mesmo, hai outros provedores con contratos menores irregulares que se manteñen no tempo”.

Neste informe recóllese unha relación de tódolos levantamentos de reparo por parte da Alcaldía, concretamente, “por tomar acordos contrarios á legalidade vixente durante o exercicio 2022, ao adquirir obrigas económicas indebidamente sen que existise crédito suficiente en partidas do Orzamento”.

Os socialistas sinalan que “por este concepto a Alcaldía adquiriu obrigas económicas sen crédito e pendente de pago por un importe de máis de 100.000 euros durante o exercicio pasado, e o mais grave é que a Alcaldesa foi advertida delo, como así consta no informe de fiscalización, con reparo suspensivo e incluso con recomendacións de contención do gasto por parte da Intervención do Concello”.