Skip to main content
Monforte

A planta de Sogama de Monforte contará cun millón de euros para reformala e máis melloras

Por 6 Abril, 2023Abril 7th, 2023Sin comentarios

Sogama inviste 1 millón de euros para dotar á planta de Monforte de Lemos cunha liña de transferencia para a materia orgánica, que se recollerá de forma diferenciada a través do contedor marrón que os concellos deberán implantar antes do próximo 31 de decembro, conforme á normativa europea.

Así o explicaron o delegado territorial da Xunta en Lugo, Javier Arias, e o presidente da empresa pública, Javier Domínguez, ante os alcaldes e portavoces locais dos municipios que veñen utilizando esta instalación ou que o farán nun futuro.

Os concellos adscritos a esta instalación xa remiten os residuos correspondentes aos contedores amarelo (envases de plástico, latas e briks) e xenérico (resto ou non reciclable); coa ampliación para os restos orgánicos evitaranse os desprazamentos a outras instalacións, o que suporá un aforro económico para arcas municipais e a redución de emisións contaminantes.

Unha vez reformada, a planta poderá transvasar a materia orgánica procedente dun total de 18 municipios que aglutinan unha poboación de 53.593 habitantes. Está previsto que poida entrar en servizo a mediados do vindeiro ano.

Melloras

Aproveitando esta obra, Sogama executará unha serie de melloras que permitirán que a instalación gañe en eficiencia e prestacións.

Entre elas figuran a substitución do pavimento da plataforma de manobras para transporte, con base de material aglomerado, por un novo con formigón armado, achegando maior resistencia ao uso previsto.

Tamén se adecuará a superficie de rodadura das vías de circulación da planta cun paquete de pavimento de mellores características construtivas e repararase o aparcadoiro de contedores actual a fin de mellorar o acceso para os camións de transporte.

A fin de axudar aos concellos, que son os que teñen as competencias en materia de residuos, a que cumpran ás súas obrigacións legais, a Xunta de Galicia deseñou e impulsou no seu momento unha rede de infraestruturas para a valorización da materia orgánica mediante a súa transformación en compost, integrada por catro plantas de biorresiduos e 13 de transferencia.

Esta rede conta cun investimento de 40 millóns de euros e está cofinanciada, con 30 millóns, con Fondos FEDER REACT-EU como resposta da Unión Europea á crise do COVID-19.