Skip to main content
Monforte

O Partido Popular de Monforte presenta a súa lista da candidatura ás eleccións de maio

Por 15 Abril, 2023Sin comentarios

O Partido Popular de Monforte presentou aos integrantes da súa candidatura para as próximas eleccións locais, encabezada por Katherinie Varela e que, segundo a directiva provincial, destaca “a combinación de experiencia e xuventude, así como a capacidade de traballo e o compromiso”.

A cabeza de lista, Katy Varela, destaca que o PP concorre a estes comicios cun equipo formado por persoas comprometidas con Monforte de Lemos, cheas de ilusión por mellorar as perspectivas de futuro do municipio e que representan a diferentes sectores da sociedade.

A este acto asistiron representantes da dirección provincial do partido, entre eles, o vicepresidente, Francisco Conde, e o coordinador xeral e portavoz, José Manuel Balseiro.

Candidatura

Segue a Katy Varela, como número dous, José Luis Rodríguez, un empresario monfortino do sector agrícola coñecido pola súa capacidade de traballo e responsabilidade.

Varela sinala: “Eu mesma fun un número 2 e dadas as circunstancias que se deron tiven que poñerme na cabeza da lista, polo que sei a gran responsabilidade e dedicación que implica ser o segundo; José Luis sábeo e asúmeo con gran ilusión e compromiso.

A seguinte na lista, María Luisa Vázquez, actualmente xefa da área de sistemas do Hospital Público de Monforte de Lemos, é gran coñecedora do sistema sanitario e con alta implicación en distintas agrupacións da cidade, destacando o seu labor como presidenta do Club fluvial de Monforte de Lemos”.

Polo seu lado, Víctor Manuel Rodríguez López é o único dos catro concelleiros que ten o Partido Popular que repite xunto á cabeza de lista. Katy Varela destaca del “a súa lealdade e compromiso coa cidade, co partido e comigo; Víctor foi fundamental nestes catro anos e agradezo a súa implicación a pesar das súas diversas ocupacións”.

En quinto lugar figura o xefe de área de Medio Rural da comarca, Emilio Iván Vázquez, que xa foi concelleiro no anterior mandato a este que termina e xa acompañou a Katy Varela nas pasadas eleccións municipais.

Ademais dos cinco primeiros postos, figura tamén entre outros, José Manuel Rodríguez Gómez, xubilado de Otis e que mostrou un gran compromiso co proxecto de Katy Varela estes últimos 4 anos; María Luz Vázquez, cunha ampla traxectoria como empresaria de telecomunicacións, e María Carmen Pérez Álvarez, que ocupou durante o goberno de Nazario Pin a importante concellería para o PP de Servizos Sociais, Muller e Familia.

É fundamental para o Partido Popular de Monforte tamén o coñecemento da situación sanitaria da cidade, motivo polo cal, ademais de María Luisa, inclúese na lista a José Vicente, xefe do departamento de farmacia do hospital comarcal, que ademais é licenciado en Ciencias Políticas e posúe un gran coñecemento do ámbito.

No décimo posto figura María Jesús Casado Barrio, catedrática de Matemáticas no Instituto Daviña Rey e que forma parte do Comité Educativo asesor da Consellería no Covid-19, tamén no ámbito dixital a centros educativos.

No ámbito deportivo incorpórase Juliana Ribeiro Escobar, ex deportista de elite de voleibol, e actualmente adestradora do equipo de Voleibol Korbis. Continúan, do mesmo xeito que hai 4 anos, apoiando o proxecto de Katy Varela: María José Losada Touriño, José Rodríguez Liñares e Rodrigo Cucheiro LImieres, este último é enxeñeiro de Camiños e ten experiencia profesional en obra pública.

Finalmente, incorpóranse á lista Manuel Pedro Pérez López, informático xubilado da Garda Civil, e Elen Carneiro, docente de Educación Infantil. Pecha a lista Lorena López López, vicepresidenta da asociación Ruliños, que xa acompañou a Katy Varela nas pasadas eleccións e leva asesorando á mesma en temas importantes de política social.

A candidata popular á alcaldía sinala: “Quero que os monfortinos saiban que tanto estas persoas que conforman a lista como outras que forman parte do partido e traballan sen estar na lista, tomámonos moi en serio o futuro da cidade e sabemos que aínda quedan moitas cousas por facer e mellorar, motivo polo cal nos presentamos ás eleccións para gañar e formar un equipo de goberno responsable, eficaz e comprometido por Monforte”.