Skip to main content
Monforte

O PP de Monforte ten preparado un plan de conciliación familiar para o concello

Por 28 Abril, 2023Sin comentarios

O Partido Popular de Monforte puxo en valor a necesidade de conciliación familiar e denunciou que o goberno local non utilice as axudas da Xunta durante un café coloquio dedicado ao emprego feminino e á conciliación laboral.

Neste evento participou a conselleira de Promoción do Emprego e Igualdade, María Jesús Lorenzana; a secretaria xeral de Igualdade, a chantadina Susana López Abella; e Margarita Ardao Rodríguez, directora xeral de Emprendemento e Apoio ao Emprego, ademais de autónomos e representantes de xestorías.

Despois da exposición efectuada pola conselleira en relación coa situación actual nas materias indicadas, os invitados puideron expoñer os seus puntos de vista sobre a conciliación familiar, “especialmente difícil no caso dos emprendedores”, apuntaron.

As representantes da Xunta explicaron que existe unha liña de axudas da consellería dirixida aos concellos para apoiar a conciliación con medidas como coidadores e espazos de conciliación, pero que o Concello de Monforte non solicitou estas axudas de apoio á conciliación.

A portavoz e candidata popular á Alcaldía, Katy Varela, sinalou: “Este é un tema clave tamén para nós, para os populares de Monforte, que xa incluímos no noso programa, que presentaremos nos vindeiros días, un plan de conciliación familiar, que aplicaremos no caso de chegar á alcaldía”.

“É imprescindible que os concellos utilicen todas as ferramentas que teñen ao seu alcance para que as cidades sexan atractivas para a xente moza e para as familias, algo que este alcalde non fai”, incidiu Varela.

Os populares lamentan que o alcalde non solicite “as axudas para ampliar as prazas de gardería, nin as que hai para constituír a atención temperá e tampouco as dirixidas a crear ferramentas de conciliación”. Varela ten claro “que a Tomé non lle Interesa que a xente nova quede en Monforte e así imos xa case por debaixo dos 18.000 habitantes”.