Skip to main content
Abadín

Abadín recibe outra multa polo mal funcionamento da depuradora

Por 11 Abril, 2023Sin comentarios

Os socialistas de Abadín denuncian que o alcalde de Abadín vén de recibir unha multa da Confederación Hidrográfica do Miño-Sil que ascende a 60.000 euros polo mal funcionamento da depuradora. Unha elevada contía “que temos que pagar con cartos de toda á veciñanza, pola incompetencia política de todo o Goberno do PP de Abadín”.

Así o denunciou o voceiro socialista na localidade, Pablo Díaz, trala celebración da última sesión plenaria, na que o Secretario municipal informou dunha nova multa ao Concello de 60.000 euros “por conducta reiterativa infractora, debido ás numerosas sancións que se lle aplicaron anteriormente e ás que o Concello fixo caso omiso”.

Os socialistas lembran que rexistraron diversas iniciativas no Pleno solicitando “o arranxo desta dotación prioritaria e imprescindible para toda a veciñanza, e así non seguir pagando multas, pero sempre nos atopamos coa negativa por resposta. Estas son as solucións do PP de Abadín, nin fan, nin se preocupan, nin deixan facer. A depuradora ten que funcionar con tódalas garantías, e pola saúde de toda a veciñanza”, incidiu Pablo Díaz.

No ano 2020, o Concello de Abadín xa pagou máis de 7.000 euros de multa polos vertidos do río debido ao mal funcionamento das depuradoras e as fosas sépticas en Abadín ou en Espiñarcao.

“As explicacións do alcalde diante desta nova infracción é alegar: “eu non sei nada”. Pois senón sabe nada o mellor é que se vaia para a casa, porque para gobernar un Concello hai que ter ganas de traballar e afrontar os problemas dende a responsabilidade e a humildade. Cualidades das que o Alcalde de Abadín carece, como podemos comprobar”, advirte Pablo Díaz.