Skip to main content
Begonte

O PSOE de Begonte acusa ao alcalde de “escurantismo” sobre o proxecto Begonte Genera

Por 23 Abril, 2023Sin comentarios

Os socialistas de Begonte acusan de “escurantismo” ó alcalde porque non quixo explicar á veciñanza no Pleno da Corporación o proxecto Begonte Genera.

O PSdeG pediu na última sesión plenaria, a través dunha moción, datos sobre os membros adheridos á iniciativa, así como as actuacións realizadas ata a data actual e as previstas. Ante isto, José Ula invitou ós veciños a que “lean a prensa” se queren ter información, nunha nova mostra de “prepotencia e desprezo”, coa que ademais vulnera os dereitos legais dos concelleiros da oposición.

A voceira socialista, Susana Ferreiro, subliña que o Goberno do Estado, cunha aportación económica de case 2,5M€ de fondos europeos a través do Instituto para a Diversificación e o Aforro da Enerxía (IDAE), está facendo unha aposta “moi forte” por este proxecto para crear un mercado local de enerxía, pero para que teña o alcance e o éxito necesarios o Concello “debe actuar con transparencia e implicar a toda a veciñanza”. “Iso precisamente é o que nós buscamos levando esta solicitude de información ó Pleno”, subliñou.

Os socialistas remarcan que na páxina oficial do Concello non hai información sobre Begonte Genera e o portal de transparencia está caído. O proxecto xurdiu co obxectivo de cubrir con enerxías limpas o 100% das necesidades do concello, pero “como vai ser iso posible se os veciños e veciñas non saben como participar?”, incidiu Ferreiro, quen lamenta que o Alcalde “queira patrimonializar e apropiarse do proxecto, quizais para beneficiar a dedo a algúns, en lugar de a todo Begonte”.

Os socialistas lembran que para sacar adiante este plan constituíuse a asociación Begonte Genera. Con número de rexistro G09854266, foi impulsada polo Concello, coa participación de pemes e veciños, e constituída como unha Asociación de usuarios, de participación aberta e voluntaria. A asociación ten a súa sede no Concello e como número de contacto figura o móbil do Alcalde.