Skip to main content
Begonte

O Consello da Xunta aproba o financiamento para a ampliación do saneamento en Carral, Begonte

Por 28 Abril, 2023Abril 29th, 2023Sin comentarios

O Consello da Xunta autorizou a colaboración técnico-financeira co Concello de Begonte para executar a ampliación da rede de saneamento na parroquia de Carral, cun investimento autonómico que rolda os 300.000 euros.

A través desta cooperación, o Goberno galego impulsa as obras para dotar de saneamento o denominado Camiño de Saavedra, que atravesa o lugar do Marco, de carácter maiormente residencial e no que abundan as construcións auxiliares destinadas a usos agrícolas e vinculadas ás vivendas.

A Consellería de Infraestruturas e Mobilidade, a través de Augas de Galicia, financiará integramente as obras, levará a cabo a contratación e execución dos traballos, así como a súa dirección e xestión ata completar a súa finalización.

Pola súa banda, a entidade local asume a realización das xestións pertinentes para posibilitar a execución das obras, así como a recepción, mantemento e conservación das actuacións que se leven a cabo.

Unha vez autorizada esta colaboración técnico-financeira realizaranse os trámites para executar as obras, que se acometerán a través dunha encomenda á empresa pública SEAGA. A previsión é iniciar as obras en xuño e entregar ao Concello as novas infraestruturas hidráulicas durante este ano. Os traballos teñen un prazo de execución de 3 meses.

As actuacións contarán co financiamento Unión Europea a través do Fondo Europeo de Desenvolvemento Rexional (FEDER).

Actuacións que se executarán

Ao lugar do Marco accédese desde a estrada N-VI a través de dúas vías locais nas que existe rede de abastecemento municipal. Unha das vías dispón de rede de saneamento, pero sen conexión á rede existente, pero a outra carece deste servizo.

Mediante o convenio autorizado hoxe polo Executivo autonómico, desde a entidade hidráulica da Xunta acometeranse as actuacións deseñadas para dotar de saneamento o denominado Camiño de Saavedra do lugar do Marco, localizado na marxe dereita da N-VI, mediante a execución de rede de colectores ata a rede actual, que a conducirá á estación de tratamento de augas residuais de Carral.

Para iso executarase unha rede de ramais de saneamento de preto de 700 metros de lonxitude con 3 colectores que conecten as augas residuais das vivendas non conectadas na rede municipal.

Máis en detalle, executarase un colector de 535 metros ao longo do Camiño de Saavedra onde se conectarán 10 acometidas domiciliarias; o segundo colector, de case 80 metros de lonxitude desenvolverase por camiño público perpendicular, con 2 acometidas domiciliarias; e un terceiro colector, de 62 metros de lonxitude, cuxa acometida quedará preparada para a conexión dunha edificación próxima.

Na intervención, proxéctase tamén a renovación da condución de abastecemento nunha lonxitude de 495 metros, xunto con 10 acometidas domiciliarias.

As obras incluirán a reposición da rede viaria existente afectada polas obras.