Skip to main content
Outeiro de Rei LUGOXAOuteiro de Rei TERRACHÁXA

Brais das Hortas ofrece o seu espectáculo este sábado na casa museo de Manuel María

Por 28 Abril, 2023Sin comentarios

O músico, contador e clown, Brais das Hortas estará, este sábado, 29 de abril, ás 17 hrs, no auditorio da Casa-Museo Manuel María, para presentar ás nenas, nenos e familias que se acheguen a Outeiro de Rei o seu espectáculo musical Consertasso na horta.

A proposta preséntase como grelos e temazos, cun equilibrio variado de formas e estilos – como debe ser nun ecosistema musical diverso e saudábel! A Santa Compaña aparécese entre as patacas cantando un trap. Hai unha pulga punk da praia de Liméns. As cabras tiran para o monte e os caracois reivindican o seu ritmo: o reggae. Entre as cenoiras, os lagartos toman o sol ao son dun tumbao -é o propio!- e os kiwis non paran de brotar bailando ska. Tamén hai sitio para os soños, coma o de ser astronauta, ou para pedirlle axuda á veciñanza para botarlle o sulfato ás viñas. E máis temazos entre guitarrazos, charangazos e un lote de instrumentazos máis.

Por tanto, música e humor para as crianzas e as familias, con letras e arranxos coidados para sementar e apañar risos e ganas de cantar xuntas. Para as persoas que queiran asistir (billete: 2 euros), é necesario facer reserva en contacto@casamuseomanuelmaria.gal ou a través do whatsapp 698177621