Skip to main content
As Pontes

As Pontes escollerá nestas eleccións 4 concelleiros menos polo descenso poboacional

Por 24 Abril, 2023Abril 25th, 2023Sin comentarios

A maquinaria para as eleccións municipais do próximo 28 de maio xa está en marcha e os censos atópanse expostos nos concellos para que os cidadáns poidan comprobalos. Para As Pontes este ano haberá un cambio significativo, xa que perderá catro concelleiros.

As comarcas de Ferrol, Eume e Ortegal achegan a estes comicios locais un total de 127.630 electores (186.088 habitantes nos 20 concellos), con concellos que foron minguando en moitos casos a poboación e o número de votantes nos últimos anos.

A cabeceira da comarca de Ferrol, a cidade naval, achega o maior número de votantes, un total de 53.743, fronte ao municipio co menor número de censados, o de Cerdido, con 895 electores. Despois de Ferrol son os concellos de Narón (31.736), Fene (10.897) e As Pontes (8.338) os que contan con máis persoas con dereito a voto. Ademais, o descenso poboacional dos últimos anos deixará nestas eleccións municipais novidades en canto ao número de concelleiros que compoñerán os plenos dalgúns concellos, con respecto aos últimos comicios de 2019.

No caso da zona de Ferrolterra serán dous os que estrearán o novo mandato con menos edís que no actual, ao descender o tramo poboacional que se emprega para contabilizar aos concelleiros representantes por cada concello.

Así, ao tramo comprendido entre os 10.001 e os 20.000 habitantes correspóndenlles 17 edís. Este era, ata o de agora, o caso das Pontes. Este ano, coa referencia poboacional do 1 de xaneiro, que é a que se considera para establecer o número de concelleiros nestas eleccións, As Pontes descende na súa poboación dos 10.000 (9.974), polo que pasará de contar con 17 concelleiros como ten na actualidade –12 do PSOE, 3 BNG, 1 PP e 1 Xuntos polas Pontes– a 13, perdendo catro representantes, pasando ao tramo poboacional de 5.001 a 10.000 habitantes (os mesmos que Pontedeume, Ares, Cedeira, Mugardos, Ortigueira ou Valdoviño).

O segundo municipio que verá reducido en concelleiros o seu pleno municipal será o de Neda. A perda poboacional no último cuadrienio fixo que quede con 4.972 habitantes, baixando dos 5.000 e, por tanto, rebaixando de 13 a 11 concelleiros, ao pasar a formar parte do tramo de 2.001 a 5.000 habitantes e contará, por tanto, desde maio cos mesmos edís que teñen Cabanas, Cariño ou San Sadurniño.