Skip to main content
Vilalba

Vilalba: Paseo fluvial e literario

Por 9 Abril, 2023Abril 10th, 2023Sin comentarios

O Paseo fluvial e literario de Vilalba é un percorrido pola beira do río Madalena onde se mistura arte e natureza ao longo de tres quilómetros de lonxitude

O río Madalena nace na serra de Carba, afluente do Ladra, percorre o noroeste da comarca da Terra Cha e é un punto clave do paraxe natural que conforma a zona de Vilalba. Nas súas inmediacións atópase unha pequena ruta de gran beleza e moi transitada polos habitantes da zona, accesible e ideal para os días de bo tempo.

A dificultade deste roteiro é baixa, para realizar en menos dunha hora, e aínda que conta cun lixeiro ascenso está perfectamente acondicionado e pavimentado. Ademais durante os tres quilómetros de percorrido atoparemos bancos para poder descansar e tamén zonas con mesas onde poder parar a comer.

Este paseo fluvial garda un excepcional percorrido que mistura natureza e arte ao longo de tres quilómetros de lonxitude. Un traxecto, accesible exclusivamente a pé, que conforma unha mistura única da paisaxe e literatura. O Paseo do Soños, enmarcado dentro deste camiño fluvial é un roteiro literario composto por diferentes esculturas en homenaxe a escritores e artistas ilustres da zona.

O percorrido da comezo nas inmediacións do Muíño do Rañego, unha construción froito da tradición agrícola e do cultivo de cereais en especial, que estivo en funcionamento ata os anos sesenta, para caer en deterioro e despois ser rehabilitado no ano 2002.

Neste comezo xa podemos atopar a primeira das esculturas, destinada a Paco Martín, autor da obra As cousas de Ramón Lamote e que da comezo ao Paseo dos Soños. Cada ano o Concello en colaboración coa Asociación Cultural Xermolos e a Irmandade Manuel María colocan unha escultura dedicada a algunha figura ilustre situadas a cen metros de distancia entre elas, de aí o nome de hectómetros literarios.

O camiño continua preto do río, que cruzaremos en varias ocasións por diferentes pontes de madeira e por onde poderemos ir descubrindo as variadas esculturas do roteiro literario. Durante o traxecto observaremos tamén pequenas presas e muíños e chegaremos a unha pequena illa, que nos permitirá contemplar diferentes especies de árbores e vexetación.

Xa preto do final atopamos a Área Recreativa da Madalena, un espazo único en Vilalba que destaca pola súa praia fluvial con zona axardinada nun entorno cheo de vexetación autóctona, ideal para desfrutar en familia nos días de verán. A Área Recreativa da Madalena conta ademais cun espazo dedicado exclusivamente aos máis pequenos e tamén con áreas deportivas e unha pista de skate.

Apenas queda un quilómetro para chegar ao final onde estará a Ponte dos Freires que marca o último punto deste paseo fluvial e o inicio da zona urbana da capital chairega.