Skip to main content
Vilalba

Sandra Vázquez pon en valor o reforzo dos servizos e do persoal no centro de saúde de Vilalba

Por 4 Abril, 2023Sin comentarios

A deputada autonómica e candidata do PP á alcaldía de Vilalba, Sandra Vázquez, pon en valor o reforzo dos servizos e do persoal sanitario no centro de saúde. Así o manifesta tras manter unha reunión co conselleiro de Sanidade, Julio García Comesaña, quen lle confirmou a provisión das dúas prazas de Pediatría no centro de saúde de Vilalba, que actualmente estaban cubertas por persoal médico de familia. Estas súmanse á incorporación dun novo fisioterapeuta e dun especialista en dietética e nutrición.

A consolidación das prazas de pediatría é posible grazas á aplicación da Lei para a provisión de prazas de difícil cobertura mediante concurso de méritos aprobada no Parlamento de Galicia co voto en contra do PSdeG e do BNG. Trátase, pois, “dunha mellora na atención sanitaria aos nenos e nenas do noso concello que, se fora polo PSdeG e o BNG, non se podería realizar”. Nese sentido, subliñou que “en Vilalba teremos novos pediatras co voto en contra do partido da alcaldesa”.

A Xunta de Galicia ten previsto realizar a convocatoria de máis de 400 prazas, avanzada este mes polo Presidente Rueda, a través da Lei 2/2022 de medidas extraordinarias para a provisión de postos de difícil cobertura, aprobada o pasado mes de outubro no Parlamento galego co voto en contra de BNG e PSdeG.

Esta lei incentiva a cobertura destas prazas ao ofrecer o maior nivel de estabilidade laboral, obtendo unha praza fixa en propiedade, cun sistema de acceso máis sinxelo e áxil: un concurso de méritos que non require exame de oposición e que se resolve nuns meses.