Skip to main content
Trabada

O PP de Trabada inclúe no seu programa electoral a concesión de axudas directas ás persoas que emprendan no rural

Por 19 Maio, 2023Sin comentarios

O conselleiro de Medio Rural, José González, arroupou ao candidato popular á Alcaldía de Trabada, José María Fernández, no mitin celebrado na casa da cultura deste municipio. O alcaldable popular expuxo o programa electoral co que concorre as eleccións locais, con especial atención ás medidas encamiñadas a potencia o rural. Neste acto interviron tamén o coordinador xeral do PP provincial, José Manuel Balseiro (deputado autonómico) e Jaime de Olano (deputado nacional).

José María Fernández efectuou unha dura crítica do goberno municipal saínte, especialmente da alcaldesa, Mayra García, da que lembrou que “vive en Foz e dedica a maior parte do tempo á Deputación”; dixo que García “fomentou o enfrontamento entre os veciños e coa Xunta”. En canto ás medidas para o rural, o alcaldable popular citou, entre outras, xestionar o establecemento da concentración parcelaria nas dúas parroquias do Concello nas que aínda non hai, así como establecer axudas directas para a xente que emprenda no rural e deseñar e aplicar un plan de accesos ás ganderías.

Polo seu lado, o conselleiro de Medio Rural, José González, criticou que o Goberno central non tivera en conta nin a Xunta nin aos gandeiros á hora de decidir axudas que deixarán aos gandeiros galegos con só o 25% dos importes previstos. Lembrou que está prevista a creación dun grupo de traballo para analizar os sectores máis prexudicados pola seca e os seus efectos na suba dos custos. González sostivo que as medidas aplicadas polo Goberno central son electoralistas e non teñen en conta a suba dos custos de produción.

O conselleiro destacou que a Xunta aposta polas concentracións parcelarias como mecanismo para poñer en valor a terra agraria, aumentar a base territorial das explotacións e loitar contra o minifundismo, como demostra o feito de que dende o ano 2020 rematáronse no conxunto de Galicia un total de 27 concentracións parcelarias (máis de 18.700 hectáreas), das que se, beneficiaron máis de 13.200 propietarios, que recibiron preto de 29.300 títulos de propiedade. Indicou igualmente que a Xunta impulsa o uso dos instrumentos que pon a disposición a Lei de recuperación da terra agraria de Galicia, como son os polígonos agroforestais, as agrupacións de xestión conxunta, as aldeas modelo ou as permutas de especial interese agrario, entre outras.

DURA CRÍTICA DE BALSEIRO A BESTEIRO

O coordinador xeral dos populares lucenses, José Manuel Balseiro, apuntou ao delegado do Goberno en Galicia, José Ramón Gómez Besteiro. Sinalou que “Besteiro estivo na Mariña tomando café, porque o PSOE nesta comarca non pode convocar mitins porque non lle vai ninguén. Estivo en Alfoz, Valadouro e Mondoñedo e estivo para tomar café, que é normal e está ben, tamén os do PP tomamos café; pero os socialistas na Mariña só poden tomar café porque mitins non pode facer porque non lles vai a xente”. Engadiu: “Atreveuse o señor Besteiro a preguntarlle ao PP por Alcoa; que este socialista fale de Alcoa só pode ser por ignorancia política ou por moita cara, porque se nos guiamos pola política nacional do PSOE Alcoa xa estaría pechada. Grazas as xestións e a mediación da Xunta non ocorreu iso”.

Tamén lanzou Balseiro un dardo en relación as declaracións dos socialistas con respecto a Altri: “Se pensa o señor Besteiro que unha Administración pode influír para que unha industria como Altri decida onde asentarse, agora como delgado do Goberno poderá facer que se monte na Mariña; xa lle digo eu que non o fai porque non se pode facer. Déixese de facer demagoxia”. Balseiro, por outro lado, non deixou pasar a oportunidade de falar das relacións do PSOE con Bildu: “Non nos estraña que lle moleste ao PSOE que falemos dos seus socios, porque supoño que estarán avergonzados do que está pasando”.

Pola súa parte, o deputado nacional, Jaime de Olano, destacou a importancia moi especial que teñen as eleccións locais do próximo día 28, tanto no terreo puramente municipal como porque veñen a constituír “unha primeira volta para acabar co Goberno de Pedro Sánchez, o peor Goberno de toda a democracia en España”. Igualmente, fixo mención ao “abandono en que Sánchez ten aos gandeiros lucenses e, en xeral, á provincia de Lugo”.