Skip to main content
A PontenovaComarca LUGOXA

A Deputación destina medio millón de euros para a mellora de servizos e infraestruturas

Por 13 Maio, 2023Sin comentarios

A Xunta de Goberno aprobou investimentos en Cervantes, A Pontenova, A Fonsagrada e Lugo para o acondicionamento de vías e accesos, a compra de vehículos municipais e a organización de festexos.

A Xunta de Goberno da Deputación de Lugo aprobou este venres investimentos por un importe que supera o medio millón de euros para a dotación e mellora de servizos públicos e infraestruturas dos veciños e veciñas da provincia.

A Voceira socialista do Goberno informou de que a institución provincial aportará 115.000€ ao Concello de Cervantes para a compra dunha máquina para esparexer sal e tamén para a mellora de camiños nos lugares de Casas do Río, Couso, Degrada, Donís, Vilarello de Donís e Trobo; así como para a colocación de sumidoiros, baixantes e varandas de seguridade nos núcleos de San Román, Vilar de Donís, Vilartote, Dumia e Comeal.

García Porto detallou que a contía que achega a institución provincial representa o 95% do total do orzamento necesario para estas actuacións, mentres que o Concello asume os 6.300€ restantes.

Así mesmo, a Deputación colabora con 160.000€ co Concello da Pontenova para a compra dun camión recolector compactador de residuos, unha achega que representa o 80% do orzamento preciso, e que completa o Concello con 40.000€.

A Xunta de Goberno acordou destinar 114.800€ ao Concello da Fonsagrada para acometer obras de acondicionamento da vía que vai de Ferreiros a San Pedro do Río e do camiño de acceso a Escouride; para a mellora do acceso a Buisán; e para a rexeneración do firme asfáltico no núcleo de San Pedro do Río.

Por outro lado, a Deputación renova a colaboración co Concello de Lugo para a organización das festas patronais do San Froilán cunha achega de 142.500€ neste ano.

Noutra orde de asuntos, a Xunta de Goberno aprobou este venres un convenio de colaboración entre a Deputación e a Asociación Nacional de Criadores de Gando Vacún Selecto de Raza Rubia Galega (ACRUGA) por un importe de 172.000€ ao ano durante as anualidades deste 2023, e de 2024, 2025 e 2026, co “obxectivo de seguir apoiando esta actividade gandeira tan importante para o desenvolvemento económico e tamén social da nosa provincia”, explicou García Porto.
Tamén aprobou colaborar co Club de Piragüismo Altruán de Ribadeo con 24.000€ para a adquisición dun vehículo multipraza que permitirá o transporte dos usuarios e usuarias deste equipo deportivo, e un acordo coa Mancomunidade do Monte Veciñal en Man Común da Parroquia de Balsa, en Muras por 21.532€ para a reforma dun almacén de titularidade deste colectivo.

A Xunta de Goberno aprobou ademais a adxudicación do contrato para o subministro dun camión usado con caixa aberta e gravilladora para o Parque Móbil da Deputación. O orzamento ascende a 73.800€ e a empresa adxudicataria é Pedro Bardanca García, que ten un prazo de entrega de 60 días naturais. Ademais, a recollida do vehículo usado polo que se substituirá o adquirido agora acadou un prezo de 5.500€.