Skip to main content
Lugo

A ministra Isabel Rodríguez visita Lugo para apoiar o traballo dos socialistas

Por 7 Maio, 2023Maio 8th, 2023Sin comentarios

A ministra de Política Territorial e voceira do Goberno de España, Isabel Rodríguez, estivo onte en Lugo para amosar o seu apoio ao goberno de Lara Méndez e anunciou que o día 10 estarán na capital da provincia o presidente do Goberno, Pedro Sánchez. Isabel Rodríguez estivo na cidade para poñer en valor o labor realizado polos socialistas.

O secretario Xeral do PSdeG na provincia de Lugo, José Tomé Roca, acompañou á ministra de Política Territorial e voceira do Goberno de España, Isabel Rodríguez, na visita que fixo este sábado á capital lucense, onde mantivo un encontro con maiores na Casa do Saber e percorreu o centro da cidade, xunto á alcaldesa, Lara Méndez, o secretario Xeral do PSdeG, Valentín González Formoso, e o Delegado do Goberno en Galicia, José Ramón Gomez Besteiro, así como a Subdelegada do Goberno en Lugo, Isabel Rodríguez, os deputados no Congreso Ana Prieto e Javier Cerqueiro, e o Senador César Mogo, entre outros responsables orgánicos do partido, militantes e simpatizantes.

Durante a súa intervención no encontro con persoas maiores na Casa do Saber, o líder do PSdeG na provincia, presidente da Deputación e alcalde de Monforte destacou que os socialistas “sempre poñemos ás persoas no centro das políticas”, como demostra o Goberno de Pedro Sánchez con medidas “cun impacto especialmente positivo” para a cidadanía lucense como a subida das pensións conforme ó IPC, tendo en conta a poboación rural e cunha media de idade elevada da provincia.

Situar as persoas no centro das políticas é o que, subliñou José Tomé, fai o Concello de Lugo, con Lara Méndez, e o que “facemos dende o Goberno de progreso da Deputación, destinando a políticas sociais máis dun terzo do Orzamento da institución e impulsando, entre outros, un proxecto pioneiro e de referencia, como é a rede de centros públicos de atención a maiores, que abrimos en pequenos concellos do rural, que ofrecen unha atención de calidade e, ó mesmo tempo, crean riqueza e emprego no entorno no que se asentan”. Polo tanto, trátase dunha medida “social e eficaz fronte ó reto demográfico”.

O secretario Xeral do PSdeG na provincia lembrou que neste mandato a Deputación expuxo ó Goberno de España o seu modelo de residencias e, de feito, a institución provincial foi a única do país invitada polo presidente Pedro Sánchez á presentación do PERTE de Economía Social e dos Coidados celebrada na Moncloa.

Así mesmo, José Tomé recalcou que, co Goberno de progreso encabezado polo PSOE, a provincia de Lugo “recuperou a prioridade que merece e que necesita na axenda política deste país, deixando atrás largos anos de abandono e duro castigo cos anteriores gobernos do Partido Popular”. Neste sentido, puxo como exemplo as infraestruturas, lembrando que, logo do parón imposto polo Executivo de Rajoy, “con Pedro Sánchez o AVE chegou a Galicia e a Alta Velocidade chegará a Lugo”, grazas ó investimento histórico de 546M€ que ten mobilizado para a modernización da liña do tren Lugo-Monforte-Ourense e ó desbloqueo da Estación Intermodal, que esta mesma semana aprobou licitar o Consello de Ministros.