Skip to main content
Lugo

Lugo acollerá o terceiro encontro Celme de Zanfona a fin de semana

O Centro de Artesanía e Deseño organiza, coa colaboración da ára de Cultura do Concello de Lugo, a terceira edición de Celme de Zanfona, tres días de conferencias, clases maxistrais e concertos ao redor deste instrumento milenario, que se desenvolverán do 12 ao 14 de maio en Lugo.

Músicos e investigadores da música tradicional como Germán Díaz, Efrén López, Pablo Pascual, Suso Vaamonde, Miro Casabella, David Bellas, Iván Abal Pulleiro, Vítor Soto ou Xosé Luis Rivas Cruz proporán distintas aproximacións ao proceso de construción, a historia ou á sonoridade da zanfona, con exercicios novidosos como o concerto de creación electroacústica Novas Músicas que fundirá folclore e tecnoloxía.

Celme de zanfona dará tamén a benvida a unha nova escola de zanfona posta en marcha pola agrupación histórica “Cántigas e Frores” de Lugo, á que se lle dedica o deseño dun modelo básico de zanfona bautizado co nome de Esencia.

O encontro, coordinado por Luciano Pérez, acollerá dúas clases maxistrais de zanfona, a cargo de Vítor Soto, e outra de canto, con Xosé Luis Rivas Cruz, que requiren inscrición previa, no correo electrónico celmedezanfona@gmail.com. A data límite para anotarse é o xoves 11 de maio.

O deputado de Artesanía e Deseño Efrén Castro explicou que “esta terceira edición asenta un encontro que xenera un intercambio moi interesante para músicos e investigadores da música tradicional e que supón unha oportunidade para dar a coñecer á cidadanía de Lugo e do resto de Galiza o patrimonio musical do Centro de Artesanía e Deseño, pioneiro na recuperación do instrumento”.

Venres 12 de maio

17.30 h – 19.00 h Clases maxistrais de Zanfona
Vítor Soto. Recursos expresivos
20.00 h Concerto no Auditorio do Vello Cárcere Os Camiños da Zanfona
Germán Díaz con Pablo Pascual, Efrén López e alumnado. Un paseo musical pola historia do instrumento.

Sábado 13 de maio

10.00 h – 11.30 h Clases maxistrais de canto
Xosé Luís Rivas Cruz. Repertorios itinerantes
12.00 h – 13.30 h Conferencia
Iván Abal Pulleiro. As músicas de tradición oral en diferentes culturas desde o ámbito das fontes, os/as intérpretes, o repertorio e os xéneros musicais, relación música-texto e a función social. Iván Abal Pulleiro
16.30 – 18.00 h Presentación do Manual Galego de Zanfona
Suso Vaamonde
18.30 – 19.30 h Proxección do documental De Cántigas da Terra a Miro Casabella
Sala CENTRAD
20.00 h Concerto no patio do Vello Cárcere
Espectáculo de Cántigas da Terra Arredor da Roda coas colaboracións de Miro Casabella, Suso Vaamonde, Iván Abal Pulleiro, Germán Díaz e Vítor Soto.

Domingo 14 de maio

10.00 h – 11.30 h Clases maxistrais de Zanfona
Suso Vaamonde. Repertorio, dixitacións e recursos
12.30 h – 13.30 h Concerto no Auditorio do Vello Cárcere Novas Músicas. Creación electroacústica, minimalista; un concerto no que folclore e tecnoloxía se funden nunha nova linguaxe coa tradición musical galega. David Bellas e Iván Abal Pulleiro