Skip to main content
Lugo

Lugo celebra este martes o Día de Europa cun programa infantil e institucional

O Concello de Lugo celebra este martes, na Praza Maior, o Día de Europa, unha efeméride que cada 9 de maio conmemora o aniversario da histórica Declaración de Shuman, asinada en 1950. Farao cunha variada programación de actividades para todos os públicos, organizadas polo centro de información europea da entidade local, Europe Direct Lugo, en horario de 17:30 a 19:30 horas.

A alcaldesa de Lugo, Lara Méndez, convida á cidadanía a participar nesta efeméride, “neste día, lembramos os grandes logros da Unión Europea na promoción da paz, a democracia e a prosperidade no noso continente; con todo, tamén recoñecemos que existen retos aos que debemos facer fronte, especialmente no que se refire ás transicións ecolóxica e dixital, tan necesarias para a construción dun futuro sostible”.

“Nos últimos anos, dende o executivo municipal, xestionamos máis de 44,5 millóns de euros de fondos europeos precisamente para avanzar na sostibilidade da cidade, na súa modernización e, en definitiva, para mellorar a calidade de vida dos veciños e veciñas de Lugo”, apuntou a rexedora.

Durante o evento, Lara Méndez lerá un manifesto, en nome do Concello de Lugo, logo do cal se escoitará o himno europeo (Novena Sinfonía de Beethoven) e tamén se procederá ao izado da bandeira, como símbolo de achegamento e irmandamento de todos os pobos da Unión Europea. O acto institucional terá lugar diante da Casa Consistorial.

Ao longo da tarde, celebraranse un amplo abano de actividades nas que se incluirán sesións de música e baile en directo, obradoiros para os nenos e nenas, así como mesas informativas sobre os proxectos europeos na cidade de Lugo, instaladas na propia praza, e un sorteo de agasallos.

Oficina municipal de Europa Direct

Esta acción desenvólvese a través da oficina municipal de Europa Direct. Lugo é o único concello de Galicia que acadou ser sede deste centro, onde se informa e involucra á cidadanía nos asuntos europeos.

Programación da xornada

Desde as 17:30 h:

  • DJ Alex Mei.
  • Talleres infantís “Europa unida na Diversidade”.
  • Mesa informativa sobre o Día de Europa.
  • Mesa informativa sobre os programas DUSI e LIFE.
  • Ruleta da fortuna e sorteo de agasallos.

18:00 h: Acto institucional

  • Lectura de manifesto a cargo da alcaldesa de Lugo, Lara Méndez.
  • Izado da bandeira da Unión Europea coa colaboración de Star Dance.
  • Entrega de premios do X Concurso de fotografía Cidadanía Europea en Galicia.