Skip to main content
Lugo

O ministro de Sanidade enxalza Lugo como a cidade “máis cardioprotexida de España”

Por 12 Maio, 2023Sin comentarios

A alcaldesa de Lugo, Lara Méndez, recibiu esta mañá na Casa Consistorial ao ministro de Sanidade, José Manuel Miñones, na súa primeira visita oficial neste cargo á cidade, encontro no que destacou que “hoxe estamos na cidade máis cardioprotexida de España”.

Durante o encontro, ámbolos dous dirixentes participaron nun curso de manexo de desfibriladores para a cidadanía organizado por Cruz Vermella, unha actividade na que tamén estivo presente o presidente da entidade, José Luis Abelleira.

A rexedora agradeceu o compromiso de Miñones coa cidade, e lembrou que co programa ‘Lugo con Corazón’ se dotou á totalidade dos edificios municipais de desfibriladores, tanto da zona urbana como rural, así como ás principais prazas de Lugo, incluíndo dispositivos móbiles para os servizos de emerxencias. O noso obxectivo é protexer á poboación fóra do ámbito hospitalario ante posibles infartos”.

O Ministro destacaba que “estar na cidade máis cardioprotexida de España é un orgullo para todos os que somos galegos e, sobre todo, para toda a cidadanía que vive nesta cidade. Acadar esta distinción foi un compromiso persoal da alcaldesa e do Goberno local e, por tanto, un compromiso que vai dirixido cara a saúde e polo tanto aquí non podía faltar, o Ministro de Sanidade”.

Durante a súa visita, o ministro, así como o delegado de Goberno en Galicia, José Ramón Besteiro, acompañaron a Lara Méndez ao concerto ‘Cantando ao Arde Lvcvs’, organizado na Praza de Santa María pola Escola de Música Heiko en colaboración coa concellería de Xuventude.

O concerto, onde participaron 700 escolares de Lugo, se desenvolveu co motivo da declaración do Arde Lvcvs como Festa de Interese Turístico Internacional. O ministro felicitou a iniciativa e a todas as asociacións que participan no Arde Lvcvs polo recoñecemento “acadado na miña etapa anterior como Delegado do Goberno, onde se valorou o enorme traballo dos colectivos e de toda a cidade por manter con tanta vida esta festa de recreación histórica, que acadou unha enorme difusión exterior”.

Xa rematando a xornada, a rexedora e o ministro mantiveron un encontro cos Colexios de Veterinaria, Farmacia, Enfermería, Odontoloxía e Médicos representados polos seus presidentes e presidentas: Jose Luis Benedito Castellote, Alejandro Sánchez Pérez-Mel, Lourdes Bermello López, María Núñez Otero e Eduardo Iglesias García, respectivamente.