Skip to main content
Lugo

A primeira fase da renovación da rúa Aquilino Iglesia Alvariño está próxima a rematar

Por 14 Maio, 2023Maio 15th, 2023Sin comentarios

Rubén Arroxo e Alexandre Penas revisaron a planificación da área de Mobilidade e Infraestruturas para “executar a segunda fase tratando de reducir ao máximo as molestias á veciñanza”.

O concelleiro de Infraestruturas Urbanas, Alexandre Penas, informou que os traballos da rúa Aquilino Iglesia Alvariño, na contorna de Lamas de Prado, están a piques de rematar. “Traballamos na renovación integral da contorna de Lamas de Prado, que comezou coa renovación da rúa principal, e que agora seguimos actuando na quinta rúa de Lugo máis poboada”, explicou o concelleiro Alexandre Penas, que informou á veciñanza de que “nos próximos días, o tráfico poderá circular de novo con normalidade”.

A renovación desta rúa inclúe a mellora das actuais zonas peonís, con novo mobiliario urbano e duplicando o número de árbores instaladas na zona. Os pasos de peóns eleváronse, “avanzando tamén no calmado do tráfico en toda a cidade, unha das solicitudes que cada vez realizan máis veciñas e veciños de Lugo”, explicou Penas, que engadiu “buscamos aproveitar os espazos o máximo posible, garantindo zonas peonís amplas sen afectar á dispoñibilidade de prazas de estacionamento”

O edil de Infraestruturas afirmou que “desde o Goberno de Lugo seguimos actuando nunha zona da cidade que requería de moitas melloras no espazo público, garantizando espazos de convivencia para toda a veciñanza”, e explicou que “os servizos técnicos están comezando a traballar na segunda fase da actuación, que consistirá na renovación dun novo treito desta rúa”.