Skip to main content
Lugo

Candia propón a Vicerreitoría acolla o Consorcio de Dinamización do casco histórico

Por 17 Maio, 2023Sin comentarios

A candidata do PP anuncia que, se é elixida alcaldesa, traballará conxuntamente coa USC para que as instalacións hoxe sen uso da Vicerreitoría alberguen usos propios da universidade con outros de ámbito municipal.

“Se son elixida alcaldesa, traballarei man a man coa Universidade de Santiago de Compostela para darlle vida ao edificio da Vicerreitoría fronte á Catedral, hoxe sen uso” indicando que “ningún goberno cun proxecto claro de municipio permitiría que quedaran sen destino unhas instalacións no pleno corazón da cidade, nun punto emblemático no que conflúen os tres bens Patrimonio da Humanidade que temos hoxe aquí”, subliñou a popular.

Nese senso, “e sempre dentro do respecto pola autonomía universitaria”, Elena Candia trasladaralle á USC a “man tendida do Concello” para combinar os propios usos universitarios con outros de interese municipal.

En concreto, a popular defendeu que ese edificio acolla, ademais dos usos directamente vencellados á USC, o Centro de Estudo da Historia da Cidade e mais o Consorcio de Dinamización do Casco Histórico. Sobre este segundo, Candia lembrou que ese órgano de nova creación, no que se integrarán todas as administracións e entidades veciñais e empresariais representativas do municipio, está chamado a deseñar e coordinar accións orientadas á dinamización do casco histórico con actuacións en tres eixes: a preservación do patrimonio cultural, a dinamización da actividade económica (cunha especial sensibilidade respecto ao apoio á actividade do comercio retallista) e a recuperación desta contorna como un lugar amable para vivir.

A aspirante popular á alcaldía de Lugo incidiu en que “o Concello debe reforzar os seus vínculos coa USC, xa que a especialización do Campus Terra representa unha oportunidade única en termos económicos, sociais, culturais e, por suposto, de consolidación de poboación para darlle resposta ao reto demográfico”. Nesta liña, Elena Candia comprometeuse a impulsar medidas “antes, durante e despois” da experiencia do alumnado universitario en Lugo co gallo de fomentar que “cada vez máis xente moza se achegue a estudar aquí para que, unha vez rematada a súa formación, quede no noso municipio”.

Antes da chegada a Lugo

  • Deseño dunha marca sólida como cidade universitaria para reforzar a captación de alumnado de grao, máster e doutoramento.
  • Creación dunha liña de axudas de aluguer específica para alumnado universitario para facer de Lugo unha cidade máis atractiva.
  • Construción dunha nova residencia universitaria para ampliar o número de prazas hoxe dispoñibles.
  • Reivindicación dunhas mellores infraestruturas.

Durante os estudos en Lugo

  • Sinatura de convenios co Campus Terra para a contratación de asistencias técnicas en ámbitos que agora o Concello está a externalizar fóra do municipio para ter a colaboración do profesorado, os equipos de investigación e o alumnado.
  • Mellora nas conexións de transporte público co Campus.

Ao rematar a formación

  • Creación dunha bolsa de axudas para a contratación de alumnado egresado por empresas e persoas autónomas que teñan a súa sede no Concello de Lugo para, deste xeito, reforzar tamén a transferencia do coñecemento acumulado na
  • Universidade á sociedade luguesa.
    Apoio no emprendemento grazas á posta a disposición de novos espazos para alumnado egresado da USC nos viveiros de empresas.
  • Activación de bolsas de prácticas remuneradas co Concello de Lugo para favorecer un primeiro contacto do alumnado de diversas titulacións coa realidade profesional.