Skip to main content
Lugo

Preparan as bases para dotar ao cemiterio dunha brigada de limpeza

Por 19 Maio, 2023Sin comentarios

O Concello de Lugo disporá dunha brigada de limpeza, conservación e mantemento do recinto do Cemiterio de San Froilán e o fará, ademais, con vocación de favorecer a inclusión laboral de persoas en situación de vulnerabilidade.

Así, o Executivo de Lara Méndez, a través da área de Persoal, trasladou hoxe á Xunta de Goberno a aprobación das bases para proceder á contratación temporal de catro persoas – un/ha encargado/a e tres operarios/as – que levarán a cabo tarefas de mantemento, aseo e ornato nas instalacións do camposanto municipal.

A tenenta de alcaldesa e responsable de Gobernanza, Paula Alvarellos, sinalou que “con esta medida queremos favorecer a ocupabilidade e a inserción laboral aproveitando as subvencións existentes que permiten ás entidades locais a contratación temporal de persoas en situación de risco ou exclusión social, ao tempo que impulsamos a mellora e o coidado das dotacións publicas”.

A concelleira explicou que ao abeiro desta achega autonómica, cuxo importe ascende a 45.622 euros, se contratará a catro persoas durante 9 meses, a media xornada e cun horario de traballo que será, habitualmente, de mañá.

“As e os candidatos serán seleccionados dunha oferta específica do programa de contratación de beneficiarios/as da Risga polas oficinas do Servizo Público de Emprego de Galicia que, nese momento, ademais de ser perceptoras da Renda de Inserción Social, estean desocupadas, tendo preferencia as e os maiores de 45 anos e quen teña cargas familiares”, indicou a edil.

Alvarellos Fondos avanzou tamén que as probas a realizar estarán vencelladas aos labores ou funcións que van desenvolver ao longo do contrato e que se corresponden co posto de encargado/a, para o control de persoas ao seu cargo, e co posto de peón aos que se proporán probas técnicas referidas a traballos de albanelería, pintura ou xardinería, acordes á súa categoría.