Skip to main content
Bóveda

O PSOE de Bóveda presentou a súa candidatura para as vindeiras eleccións do 28 de maio

Por 7 Maio, 2023Maio 8th, 2023Sin comentarios

Os socialistas de Bóveda presentaron a candidatura socialista coa que concorren ás vindeiras eleccións municipais, e que encabeza a actual Voceira do PSdeG na Corporación municipal, Carmen Macía Rodríguez, no Restaurante Vilaboa.

A secretaria de organización do PSdeG na provincia de Lugo, Pilar García Porto, acompañou á candidata socialista neste encontro, agradecéndolle “o traballo e o compromiso ao longo destes anos na Corporación municipal. Unha experiencia política que a converten nunha boa coñecedora da realidade social de Bóveda e das súas parroquias, con capacidade para liderar a xestión do Concello”.

Desta forma, asegurou García Porto, “sabe de primeira man cales son as carencias máis urxentes do pobo”, así como os proxectos con viabilidade de futuro. Bóveda “precisa un novo ciclo político, con políticas progresistas e prioritarias para toda a veciñanza, e sen discriminacións”, afirmou a secretaria de organización provincial.

Carmen Macía subliñou que se presenta ás eleccións “con moitas ganas de darlle un novo pulo ó concello, e cun equipo de xente comprometida e responsable, que entenden que só traballando xuntos e xuntas poderemos acadar grandes logros e compromisos para o conxunto da veciñanza”. A candidata socialista incidiu en que coñece “de primeira man as carencias e necesidades que temos en Bóveda.

Propostas

Un bo exemplo é a falta dun centro de día público que atenda ás persoas maiores, que cada día se teñen que trasladar a outros concellos para poder acceder a este servizo que é vital. Nós queremos que se constrúa unha nova dotación asistencial para os nosos maiores, e non como fai o PP, que se conforma con anuncios mediáticos de empresas privadas”, expuxo.

Por iso, Carmen Macía comprométese a que esta sexa “unha das primeiras medidas” que adopte cando chegue á Alcaldía, ademais de traballar “para completar a rede de saneamento e as traídas da auga, dous servizos básicos dos que aínda carecen moitas familias do noso municipio”.

Os socialistas de Bóveda, tras escoitar á veciñanza avanzaron que traballarán tamén “para apoiar a toda a comunidade educativa do concello de Bóveda, prestando especial atención ás súas demandas e reivindicacións, e dende tódolos ámbitos. Entre todos e todas temos que crear un ambiente escolar positivo, favorecendo o desenvolvemento e a convivencia dos máis cativos”.

Outras das medidas que impulsará a candidata do PSdeG en Bóveda, e que están recollidas no seu programa electoral, son a creación dun centro social dotado con todos os servizos para a veciñanza que reside no núcleo de Bóveda, xa que agora mesmo carece dun lugar onde organizar actividades e reunións; o arranxo de camiños municipais con aglomerados e pavimentos axeitados; promover un programa de emprego e campañas de promoción do tecido empresarial, dos autónomos e de todo o comercio local; ou a creación de becas para estudantes que cursen estudos universitarios, Formación Profesional ou Bacharelato.

A candidatura socialista de Bóveda está composta por nove persoas: María Del Carmen Macía Rodríguez, Roberto Carlos Piñeiro Pacio, Francisco José Vila López, María Julia López Puente, María Luisa González Somoza, Gonzalo Fernández Carreira, María Del Carmen González García, José Manuel González Losada, Jesús González Carballada.