Skip to main content
Monforte

A entrega de premios do XXX Certame Municipal de Teatro de Monforte terá lugar mañá na Casa da Cultura

O XXX Certame Municipal de Teatro para centros de ensino de Monforte terminou despois de representar diversas obras de excelente calidade e a entrega de premios terá lugar o mércores, 10 de maio.

Así, a partir das 18.00 horas, o Salón de Actos da Casa da Cultura Poeta Lois Pereiro acollerá esta entrega, onde os centros participantes poderán recoller a gravación en DVD da súa actuación.

Este mércores pasado celebrouse a última das obras previstas dentro do Certame Municipal de Teatro que organizou o Concello de Monforte para os centros de ensino, no que participaron cinco colexios da vila: Colexio P. Ferroviario, coa obra “Máxico mundo de Oz”, CEIP A Gándara, coa obra “Acabouse a función”, IES Río Cabe, coa obra “Auga”, CEIP de Monforte, coa obra “O mundo ó revés”e por último, IES A Pinguela, coa obra “Ser máis relaxada”.

Colaboración do Concello de Monforte

O Concello colaborou cos centros de ensino participantes aportando material para a realización da obra por unha cantidade máxima de 100 euros.

Os premios consistirán na gravación en DVD das obras representadas que serán entregadas aos centros participantes, así como dun diploma acreditativo para cada un dos participantes.

Desde o Concello defenden que as obras escenificadas resultaron “un éxito tanto pola asistencia de público, como pola calidade interpretativa dos alumnos e a orixinalidade e detalles dos decorados, que contou coa implicación dos pais e nais dos rapaces”.

Da mesma maneira, o alcalde de Monforte quere felicitar á comunidade educativa polo esforzo que están a facer fomentando nos máis pequenos o gusto polo teatro e a cultura en xeral. “Nestas idades todas as experiencias culturais que poidan desfrutar deixarán unha pegada que dará os seus froito cando sexan adultos, é fundamental, polo tanto, apoiar estas iniciativas dirixidas aos monfortinos mais novos”, sostivo.