Skip to main content
Monforte

O cartel elixido para anunciar as Festas Patronais de Monforte pertence a un artista de Murcia

Por 12 Maio, 2023Maio 13th, 2023Sin comentarios

O xurado do concurso de deseño de carteis das Festas Patronais 2023 de Monforte xa elixiu un cartel dos quince presentados, polo que xa hai gañador do concurso deste ano.

Dos 15 proxectos, nove eran obras presentadas dende Monforte, tres dende Murcia, unha dende A Coruña, unha dende Castro Caldelas e outra dende Escairón, pero o gañador foi un dos de Murcia, que xa participou noutras edicións deste concurso, chegando incluso a ser declarado gañador no ano 2021.

O xurado, composto por sete persoas de ámbitos sociais, educativos e culturais diferentes, decidiron tras cinco rondas de clasificación, aos tres finalistas que se disputaron o premio final.

Tal e como se explicaba nas bases que establecen os requisitos a cumprir para a presentación dos deseños, establécese un único premio que será o cartel anunciador e a portada do programa das Festas 2023 e que está dotado cunha cantidade de 1.000 euros, impostos incluídos.

O cartel quedará en poder do Concello de Monforte de Lemos e aínda que a propiedade intelectual do traballo gañador corresponderá ó autor, a concesión do premio levará consigo sobre o traballo gañador a cesión exclusiva e gratuíta en favor do Concello de Monforte de todos os dereitos de reprodución, distribución, comunicación pública e transformación por calquera modalidade, medio ou formato, incluídos os audiovisuais, os informáticos, os multimedia e os telemáticos.

A presentación e divulgación do cartel premiado terá lugar en datas próximas mentres seguen os traballos de organización das Festas Patronais para facer desfrutar aos veciños e veciñas de Monforte e aos visitantes que acudan á cidade nas datas que van do día 11 ao 16 de agosto.