Skip to main content
Monforte

O Concello de Monforte destinará máis de 5,5 millóns de euros ao Servizo de Axuda no Fogar

Por 18 Maio, 2023Maio 19th, 2023Sin comentarios

A Xunta de Goberno do Concello de Monforte aprobou a adxudicación do contrato de Servizo de Axuda no Fogar á empresa Attende Care S.L por un importe de 5.513.724,58 euros e cun prazo de execución de tres anos.

A motivación da adxudicación vén determinada por ser a oferta máis vantaxosa para o Concello, “tendo en conta unha pluralidade de criterios de adxudicación en base á mellor relación calidade-prezo, na que se contemplan ademais importantes melloras”, explican desde o goberno local.

Así, remarcan estas melloras, entre as que destacan un coordinador con diplomatura en área de servicios sociais e persoal administrativo a xornada completa, dúas grúas de mobilización persoal por ano, dúas camas articuladas motorizadas con colchón adaptado por ano, cinco colchóns “anti escaras” por ano, cinco andadores por ano, 50 horas de limpeza de choque ou profundidade en domicilio ao ano, 10 horas en podoloxía a domicilioao ano, 20 horas de fisioterapia a domicilio por ano, 10 horas de terapia ocupacional a domicilio por ano e 20 horas de transporte asociado a servizos de acompañamento por ano.

Custo dos servizos

En canto ao prezo/hora ofertado para o servizo básico, o prezo de licitación en horario ordinario é de 20,22 euros a hora, e de 23,24 euros en horario festivo. Polo que respecta ao servizo de dependencia, o prezo de licitación é de 19,12 euros a hora, en horario ordinario, e de 21,98 euros en horario festivo.

Estes son os honorarios aprobados para este ano 2023 e contémplase un incremento dos mesmos para os anos seguintes, 2024 e 2025, que supoñen unha oferta de 21,20 euros no 2024 e 21,97 euros no 2025 para o servizo básico en horario ordinario e 24,39 no ano 2024 e 25,26 euros no ano 2025 en horario festivo.

En canto ao servizo de dependencia, os prezos/hora estipulados para os anos 2024 e 2025 serán de 20,05 euros e 20,78 euros respectivamente, en horario ordinario, e de 23,05 euros no 2024 e 23,89 euros no 2025 en horario festivo.