Skip to main content
Monforte

José Tomé mostrou nun acto o seu “orgullo por ser alcalde de Monforte e a honra de ser candidato polo PSOE”

Por 19 Maio, 2023Maio 20th, 2023Sin comentarios

O alcaldable destacou os éxitos acadados durante a presente lexislatura e puxo en valor os proxectos iniciados para levar a cabo na seguinte.

José Tomé Roca, actual rexedor de Monforte e candidato á reelección polo PSOE, protagonizou un encontro que reuniu no restaurante Manuel Bistró a centos de persoas, entre as que se atopaban o delegado do Goberno de España en Galicia, José Ramón Gómez Besteiro; a deputada provincial e secretaria de organización do partido na provincia e candidata á Alcaldía de Antas de Ulla, Pilar García Porto; entre outros responsables orgánicos, e alcaldes e candidatos da comarca.

“Monforte cambiou como da noite ao día e, por primeira vez en moitos anos, avanza, medra en todos os parámetros económicos e sociais. Atraemos investimentos, empresas, aumentan as prestacións sociais, melloramos os servizos públicos, as comunicacións, as infraestruturas, o polígono industrial, os parques, as zonas verdes, o saneamento e o abastecemento, entre outras moitas actuacións”, sentenciou durante o acto.

Tomé mostrou o seu “inmenso orgullo de ser o alcalde de Monforte e a honra de ser o candidato do Partido Socialista para seguir sendo o alcalde de todos, como veño demostrando durante toda a miña etapa de Goberno, porque creo profundamente nos valores que defendemos e creo profundamente en Monforte, esta terra que me deu case todo e que tanto quero”.

Éxitos acadados na actual lexislatura

O alcaldable fixo balance dos fitos conseguidos nos últimos 8 anos, “moi positivos para Monforte, sobre todo neste último mandato”, destacando o “crecemento económico e social”.

En servizos sociais “duplicamos o gasto en relación co ano 2015”, pasando de 933.000 euros a 1.880.000 euros neste 2023”, o que supuxo poñer en marcha axudas que non había ou incrementalas notablemente, como por exemplo o SAF, eficiencia enerxética, becas para libros de texto, o convenio con Cáritas, o programa Xantar na casa, ou axudas ó transporte de estudantes.

En materia de urbanismo e infraestruturas, explicou que nestes 8 anos “arranxamos máis de 180 rúas, temos contratadas outras 13 e 3 máis en licitación; urbanizamos a Zona C entre Rof Codina e Covas, cambiando unha selva por unha zona ben urbanizada; na zona rural arranxamos nas 26 parroquias 325 camiños e pistas; e case non quedan rúas, nin pistas sen arranxar, o que da unha boa mostra do esforzo que fixemos”.

No eido medioambiental, tamén “foron moitas as obras de mellora”, con saneamentos en Valle Inclán, Calvo Sotelo, Pontillón, Chantada, Santa Clara- Veiga, Juan Montes e Padre Feijóo, supresión de vertidos xunto ao Club Fluvial e en Aceña Nova; en licitación o Colector Xeral dende o Cardenal ata Carude, e tamén a nova depuradora do polígono; a realización do estudio xeral de toda a rede de saneamento da cidade incluída a depuradora de Piñeira; estase redactando o proxecto para arranxar o colector en Dtor. Casares, Concepción Arenal e Rosalía de Castro, “e hai máis cousas en carteira”.

O alcalde destacou, tamén a execución ou mellora de sete parques: Compañía; Casas Baratas; Parque de Covas; Parque da Gardería; López Suárez; Rúa Santiago e Parque do Hospital.

En canto a instalacións deportivas, as obras máis importantes foron as vídeomarcadores no campo da Pinguela e Luis Bodegas; rexeneración do terreo de xogo do campo da Pinguela; renovación dos campos de fútbol Luis Bodegas e Calasancio con céspede artificial; renovación e iluminación do Luis Bodegas por led de baixo consumo nos dous campos; dotación de iluminación led ó campo da Pinguela e gradas de público, así como a dotación de subministro eléctrico propio xa que antes non o tiña; renovación da iluminación do pavillón da Pinguela por led de baixo consumo, tanto na pista deportiva como no resto da instalación (gradas, vestiarios, etc.); instalación de vídeomarcador no pavillón da Pinguela; e pista de skate e pista polideportiva da Compañía. Actualmente, trabállase na renovación integral do pavillón da Pinguela.

Polo que respecta á actividade industrial, José Tomé lembrou que, cando chegou á Alcaldía, o polígono do Reboredo “estaba abandonado e as parcelas cheas de maleza e sen vender”. “Conseguimos melloralo arranxando as rúas, fixemos viais novos e puxemos a iluminación led, de tal xeito que hoxe xa están vendidas todas as parcelas”, recalcou.

O rexedor socialista puxo en valor o logro da implantación en Monforte de Kern Pharma, “cun investimento de máis de 60 millóns de euros e máis de 100 postos de traballo directos, que nos coloca no mapa das empresas tecnolóxicas”, e do Centro de Competencias Dixitais ou Ciberseguridade de Renfe, “que xa empezou a funcionar e tamén vai crear máis de 100 postos de traballo directos”.

Proxectos para a vindeira lexislatura

Así mesmo, avanzou que hai “outro proxecto empresarial moi importante que vai investir 10 millóns de euros e que vai crear en torno a 50 postos de traballo directos”, unha iniciativa “que anunciarán pronto os seus promotores”.

Polo tanto, subliñou, “fixemos moitas cousas, pero temos moitas máis que ofrecer”. De feito, “xa estamos empezando moitos proxectos que van marcar o próximo mandato”, como a praia fluvial; a supresión dos pasos a nivel de Rioseco e Juan Montes; a sinatura dun convenio co Ministerio de Transportes para rematar a Ronda Urbana, entre a rúa Ourense e a N-120, que incluirá a mellora da recta de Distriz para dotala de máis seguridade; ou a mellora do enlace da N-120 coa estrada do polígono industrial, facendo dúas rotondas e os carrís de subida e de baixada.

Anunciou tamén como programa de Goberno o inicio dos trámites para a mellora da Muralla de San Vicente; continuar co bus urbano público e gratuíto para todos; a renovación da piscina municipal climatizada; a urbanización da Zona D, xunto ó Banco de Bilbao e o Parque dos Condes; a ampliación do polígono para seguir atraendo industrias “e converternos nun polo de desenvolvemento”; o remate da nova tubería xeral de abastecemento de auga potable; a construción da nova depuradora do polígono para que teña capacidade para a ampliación; e a posta en marcha dun novo servizo de transporte público e gratuíto ás parroquias.

“Seguirei traballando xunto co meu equipo, coa mesma ilusión, enerxía, compromiso e dedicación para que Monforte siga progresando nesta nova etapa que empezamos o próximo día 28 de maio. Monforte merece o mellor e nós queremos seguir traballando para conseguilo”, subliñou o alcalde.