Skip to main content
Monforte

Esperta Monforte protagonizou un acto simbólico para reclamar a peonalización da ponte medieval

Por 23 Maio, 2023Sin comentarios

A agrupación política Esperta Monforte organizou un acto simbólico na ponte medieval de Monforte para pedir a súa inmediata peonalización, xa que explican que “non está deseñada para soportar o tráfico motorizado”.

Así, argumentan que a peonalización e posta en valor desta ponte é “unha antiga aspiración de colectivos ligados á cultura e á defensa do patrimonio”, por iso está no programa de Esperta Monforte desde 2015, que se ve avalada no plan especial de protección do conxunto histórico e artístico, onde se recolle a ponte vella como un elemento de gran valor histórico e patrimonial e cuxa utilización como nexo rodado sobarda as prestacións do mesmo.

Desde Esperta Monforte sosteñen que nos últimos anos, “os concelleiros da nosa formacion teñen presentado polo menos tres mocións neste sentido, así como a renuncia á construción dunha nova ponte no Malecón aberta ao tráfico, pero sempre foron rexeitadas”.

Defenden así a peonalización da ponte porque “estamos seguros que esta medida redundaría no desenvolvemento económico da zona urbana da contorna, como xa ten sucedido nas outras áreas urbanas que se teñen peonalizado previamente, como por exemplo a rúa do Cardeal, que a pesar da resistencia inicial de algúns sectores, a día de hoxe ninguén discute”,

Ademais, apuntan a que cidades da contorna, como Ourense, xa pecharon o tránsito de vehículos hai moitos anos na súa ponte romana e se optou pola protección do patrimonio e gañar espazos para mobilidade peonil sostible.