Skip to main content
FriolFriol TERRACHÁXA

Friol presenta unha nova edición do Friulio

Por 3 Maio, 2023Maio 4th, 2023Sin comentarios

O Concello de Friol presentou a próxima edición do Friulio, a súa festa castrexo-romana, que terá lugar os vindeiros sábado 13 e domingo 14 de maio, no que participarán máis de 25 asociacións de recreación histórica.

O Concello de Friol e a Asociación de Recreación Histórica A Castronela organizan unha nova edición do Friulio, un encontro entre asociacións castrexas e romanas que recrearán durante a fin de semana do 13 e 14 de maio os modos de vida, costumes e crenzas de ámbalas dúas culturas.

Nesta quinta edición da festa volverán participar diferentes asociacións castrexas e romanas chegadas de toda Galicia e tamén de outras comunidades de España, que forman parte activa en eventos de interese turístico internacional, nacional ou galego, como o Arde Lucus, as Guerras Cántabras ou as Xornadas de ambientación e reconstrucción histórica de Numancia.

En total este V Friulio contará coa participación de máis de 25 asociacións de recreación histórica, música tradicional e divulgación cultural, coa colaboración das asociacións culturais de Friol, contando coa participación directa de máis de 400 persoas entre figurantes e outras funcións arredor desta festa de recreación histórica.

As actividades principais da festa volverán estar ubicadas en torno ó paseo fluvial, co establecemento do castro galaico, onde se manterá a recreación de oficios, e o campamento romano. Ambos asentamentos son os grandes reclamos do Friulio e poderán ser visitados desde as 10.30 da mañá do sábado ata as 20.00 horas do domingo, cando se dará por concluída a festa.

O programa de actividades inclúe desde a recreación da vida nun castro ata a elaboración do pan que utilizaban as milicias romanas nos seus desprazamentos, a elaboración do queixo de Friol, desfiles de tropas romanas, ou demostracións e obradoiros de fiado, teas e complementos, orfebrería, chaveiros, tiro con arco e xogos populares.

O asedio ao castro, o sábado ás 19.30, volverá ser o momento máis espectacular do Friulio, onde se recreará o asalto das tropas romanas aos castros que existían nas terras de Friol. Outras representacións desta edición serán a escaramuza castrexo-romana (13.00 horas do sábado), o descenso en balsa do río Narla (17.30 sábado) e a voda galaica o domingo pola mañá, ademais de outras escenificacións como Liorta polo tesouro do castro.

Tamén haberá espacio para a música, que estará a cargo de Tympana Gallaica, Son de Lugh e Xesta Verde na animación de rúa. Estes dous últimos ocuparanse tamén da sesión vermú, ás 13.15 horas, o primeiro o sábado e o segundo o domiungo. Na noite do primeiro día The Nunzia e Virtual Proyect acutarán a partir das 23.00 horas.

Dentro da programación o Concello organiza un concurso de escaparatismo e fachadas no que poden participar todos os comerciantes que o desexen así como veciños da localidade. Para participar será necesario inscribirse con anterioridade na asociación A Castronela, a través do correo acastronela@gmail.com ou por teléfono no 629 604 040.

Haberá dous premios, un para os locais e outro para as vivendas particulares. O fallo darase a coñcer o domingo 14 ás 14.00 horas.

Todas estas actividades levaranse a cabo integramente na vila de Friol, ocupando diferentes ubicacións como as inmediacións do centro e do paseo fluvial, a avenida de Santiago ou a praza de Andón Cebreiro. Para incentivar a ambientación da vila, desde o Concello de Friol vólvese convocar o concurso de escaparatismo e fachadas entre os establecementos públicos e os balcóns das vivendas.