Skip to main content
LugoPol TERRACHÁXA

Pol: O socialista Rodríguez Ónega opta á quinta reelección

Por 23 Maio, 2023Maio 24th, 2023Sin comentarios

O alcalde de Pol, Lino Rodríguez Ónega converteu nestes anos á localidade nun bastión socialista tras pasar de ter 3 concelleiros no ano 2007 aos 7 que ten na actualidade. Se os primeiros catro anos gobernou co respaldo do BNG, agora faino en solitario cunha ampla vantaxe. De feito, no ano 2011 obtivo a maioría absoluta por primeira vez desbancando a PP e BNG, que perderon dos concelleiros no primeiro caso e un no segundo. Gañou outro no 2015 eliminado ao BNG da ecuación, situación que cambiou no 2019, cando os dous concelleiros restantes foron repartidos entre populares e nacionalistas.

Pol é un dos concellos con menos densidade de poboación pero iso non impediu que se formasen tres listas electorais novamente para competir pola Alcaldía neste 2023.

PSOE

O socialista Lino Rodríguez Ónega, alcalde de Pol, aspira a manter o respaldo dos seus veciños tras catro lexislaturas cumpridas como alcalde, primeiro co apoio do BNG e despois con maioría absoluta durante as outras tres.
Rodríguez Ónega na lexislatura 2015-2019 foi deputado provincial da área de Medio Rural.

O candidato defende o traballo realizado esgrimindo varios proxectos estrela nestes catro anos, como foi a construción do novo espazo deportivo e o cambio de luminarias na totalidade do termo municipal, ademais dun investimento importante en levar a auga a todas as parroquias e na reparación de estradas nun dos concellos máis grandes en extensión que ten a provincia.

“Eu creo que a lexislatura foi moi positiva porque as diferentes inversións que fixemos no concello foron pensadas para a mellora de cada veciño no día a día como o tema da auga ou o das pistas”, di Ónega. Entre os proxectos máis inmediatos figura levar a auga a Torneiros e a remodelación da reitoral na parroquia de Suegos, sobre a que xa existe proxecto e financiamento.

PARTIDO POPULAR

No PP volve haber unha lista completamente nova, nesta ocasión presidida por unha moi moza activista política, Nicole Grueira.

Aos seus 21 anos é estudante de Ciencia Política e da Administración e foi a primeira candidata nada neste século. Entre os seus obxectivos está desenvolver políticas que favorezan o asentamento de poboación, fomentando a vivenda e o emprego. Sinala que “a mala xestión local faille moito dano a Pol”, referíndose “á elevada débeda”.

A candidata popular apunta que, se chega á alcaldía, desenvolverá políticas que favorezan o asentamento de poboación, fomentando a vivenda e o emprego. Indica: “Hai que proporcionar ás familias recursos e facilidades para a rehabilitación das vivendas abandonadas; hai que crear solo industrial, para atraer empresas e investimentos e ampliar a oferta de emprego”.

Explica que é fundamental garantir o acondicionamento das pistas municipais, o abastecemento de auga; hai que mellorar a seguridade, apoiar a inserción laboral dos mozos e das mozas, impulsar actividades de ocio para os maiores”.

BNG

A persoa elixida por unanimidade pola asemblea local do BNG foi Branca Fernández Martínez, veciña de Mosteiro e mestra.

Branca Fernández declarou “este 28 de maio imos a por todas, Pol ten que contar cun goberno municipal responsable e con capacidade de xestión, e o BNG é a forza capaz de acadar este obxectivo e sumar para construír un concello máis activo e dinámico”.

“Imos consolidar un Pol con futuro, cun proxecto enfocado na mellora de calidade de vida no rural”, dixo e engadiu que “o equipo que lidero vai contar con toda a experiencia e o dinamismo para desenvolver plenamente todas as potencialidades do noso concello, e saímos sen límites para liderar o vindeiro goberno municipal”.

CANDIDATOS ELECCIÓNS 2023

PSOE

1. Lino Rodríguez Ónega
2. José Luis Ramudo Andión
3. Marina Ramudo Graña
4. Ana Belén Seco Morado
5. Sonia Cervantes Rivas
6. César Valiña Irimia
7. Carmen Paz Rodríguez
8. Laura Otero Ferreiros
9. Avelino López Pardo
Suplentes
1. Manuel Antonio López Rodríguez

PP

1. Nicole Grueira Fernández
2. Enrique Rodríguez Rodríguez
3. María Graña González
4. Noelia Gigán Grandela
5. Margarita Fernández Yebra
6. María Remedios Castedo Carballo
7. María Méndez Luna
8. Raúl Rodríguez Fernández
9. Artemio G. Carballés Fernández

BNG

1. María Blanca Fernández Martínez
2. María do Carme Díaz Irimia
3. Gustavo Osorio Fernández
4. Andrea Rodríguez Huertas
5. Jesús Ángel Cuesta Castro
6. Sergio Díaz Marey
7. María Pilar Cervantes Huertas
8. Óscar Carballés Balado
9. Ana Domínguez Barreiro