Skip to main content
Trabada

A alcaldesa máis nova está en Trabada

Por 8 Xuño, 2023Sin comentarios

Mayra García Bermúdez gobernará en maioría absoluta, como na pasada lexislatura, e o Partido Popular sumou un concelleiro á corporación.

Os trabadenses volveron a darlle a súa confianza á actual rexedora Mayra García Bermúdez, a que fora a alcaldesa máis nova nos anteriores comicios. Así, a veciñanza deulle a maioría absoluta á socialista con 6 concelleiros fronte aos 3 que conseguiu o PP.

“A valoración é moi positiva, contamos co apoio maioritario dos nosos veciños e estamos moi agradecidos porque cada voto ao PSOE é un voto de respaldo ao traballo e á xestión feita”, apuntou García Bermúdez.

“En Trabada, gañámoslle á cacicada por terceira vez, polo tanto quedan 4 anos máis de progreso sumados aos 8 anteriores nos que o noso compromiso é seguir traballando como ata o de agora, coa mesma ilusión e dedicación e para todos os veciños”, dixo tras ser reelixida.

A veciñanza apostou firmente por Bermúdez, quen explicou que, tralo impulso de políticas progresistas, as tornas cambiaron no Concello. “Agora xa aparecemos no mapa. Nestes intres o noso concello lidera o primeiro Índice de Desenvolvemento Rural Sostible de Galicia, tal e como sinalan os estudos das Universidades de Santiago e A Coruña, e fixémolo poñendo en marcha propostas como o punto de atención á infancia, así como diferentes programas de conciliación que antes non existían”, sinalou Mayra García.

CONCELLEIROS ELECTOS

  • Mayra García Bermúdez PSOE
  • Julia María Barcia Fernández PSOE
  • Rubén García Freije PSOE
  • Mari Carmen Amor Prieto PSOE
  • Suevia Reimondo Gasalla PSOE
  • Rosa María Pérez Prieto PSOE
  • José María Fernández Vázquez PP
  • Eliseo López Villar PP
  • Juana María Rodríguez Maseda PP

A alcaldesa de Trabada lembra a situación do Concello cando chegou no 2015 a Alcaldía: “Herdamos un Concello cunha rede de estradas intransitable e moi deteriorada, con inmobles nos que chovía dentro e no que apenas se facían obras. Tampouco se realizaban actividades lúdicas, nin para os máis pequenos, nin para os maiores. Un Concello sen ningún servizo público municipal, porque Trabada lles pertencía a eles, e tamén un Concello sen un céntimo”.

Pola súa banda, o Partido Popular encabezado por José María Fernández, sumou un edil e case duplicou o número de votos pasando de 172 a 312 respecto ao 2019.
Fernández destaca do resultado “o noso ascenso en apoios pois subimos case 140 votos e estivemos moi preto do cuarto concelleiro. Fixemos un bo traballo e creo que o resultado foi moi merecido. Nós contabamos con obter o cuarto concelleiro pero, se non fose por que o PSOE mobilizou moitísimo ao seu electorado, eu creo que poderiamos acadar o cuarto edil”.

O popular di que “non temos outra aspiración que a de dar ao noso pobo o mellor. Estamos facendo un bo traballo e contamos co respaldo da xente máis que nunca, e agradezo a confianza dos veciños e do meu equipo de traballo”, rematou dicindo.

O BNG xa non se presentou nesta municipalidade.