Skip to main content
Xove

Alumnos do CEIP Pedro Caselles Rollán de Xove participaron na xornada divulgativa Eu Como Peixe

Por 20 Xuño, 2023Sin comentarios

65 alumnos de educación primaria do CEIP Plurilingüe Pedro Caselles Rollán de Xove participaron na xornada divulgativa  Eu Como Peixe impartida pola nutricionista Alba Vila en colaboración coa  Organización de Produtores Pesqueiros do Porto de Burela.

Esta visita forma parte da serie de actividades dirixidas ao público infantil que  se levan a cabo desde a OPP-7 Puerto de Burela, co obxectivo de achegalos ao mundo da pesca e o consumo de peixe; inclúese no seu plan de produción  e comercialización e están cofinanciadas pola Xunta de Galicia e FEMPA.

O curso de visitas aos colexios da Mariña Lucense pechouse con esta  xornada en Xove, despois de visitar nas últimas semanas tamén os colexios  de Nois e Martínez Otero de Foz.

O secretario técnico de OPP-7, José Manuel Beltrán, deu a benvida aos  alumnos antes de dar paso a unha charla divulgativa sobre os beneficios de  comer peixe, impartida pola nutricionista Alba Vila, que, ademais dos seus  centros de dietética en Burela e Foz, tamén coordina os menús dalgún colexio  da zona.

Os pequenos amosáronse moi atentos durante a presentación, seguindo os debuxos e explicacións sobre algunhas das principais especies da lonxa de  Burela: pescada do pincho de Burela, peixe sapo, peixe espada, cabala e bonito do norte; e aprendendo as principais diferencias entre o peixe azul e o peixe branco.

No acto participaron 65 alumnos de entre seis e dez anos, de primeiro,  segundo e quinto de educación primaria, que ao final da charla recibiron un  regalo en forma de mandil e gorro de chef cos que prometeron que axudarán  a cociñar moito peixe nas súas casas durante as vacacións deste verán.